Movistar acumula o menor volume de reclamacións en servizos converxentes, segundo a OAUTEL

mércores, 21 de xullo do 2021 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de examinar os datos de reclamacións dos operadores de telecomunicacións ofrecidos pola Secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) e pola Oficina de Atención dos Usuarios das Telecomunicacións (OAUTEL). No estudo da oficina saliéntase que o índice máis baixo en materia de reclamacións de servizos converxentes atesóurao Movistar.
No informe, no que a UCGAL volve manifestar a súas reservas sobre os datos subministrados por R (reservas que tamén se mostraron en 2020, cando a entidade galega de consumidores denunciou que “cando se desexa presentar unha reclamación desde a área clientes, no apartado habilitado da web da compañía, o formulario que se pon ao dispor do consumidor é o de calquera outra consulta, solicitude ou suxestión”), vólvense pór de manifesto “realidades complementarias”, en palabras da Unión. Así, os datos da SETID inclúen información relativa ás reclamacións que reciben os operadores nos seus distintos servizos, así como referencias ao tempo de resposta. Pola súa banda, as reclamacións recollidas pola OAUTEL expresarían a insatisfacción do cliente, “xa que logo trátase de reclamacións que persisten despois de ter sido tratadas polo operador e, ademais, incorporan categorías adicionais”, explican dende a Unión de Consumidores de Galicia.
Reclamacións segundo a OAUTEL
No informe faise saber que o volume de reclamacións de servizos converxentes, oscila entre o 1,24 de Movistar e o 9,04 de Vodafone, situándose o resto de operadores entre o 1,79 de Euskaltel e o 4,35 de R. “Cómpre considerar que o 81% das liñas fixas e o 86% das móbiles soportan servizos converxentes”, explican dende a UCGAL, que no caso das queixas sobre a atención ao cliente reflicte que Movistar presenta o menor volume (0,17) e Vodafone triplica o dato (0,51). En canto ás reclamacións sobre servizos móbiles, a OAUTEL sitúa a Vodafone co peor índice de reclamacións (3,71) e a Orange co mellor (1,27). As reclamacións sobre o servizo fixo presentan un volume que vai desde o 2,7 de Euskaltel até o 33 de Orange, pasando polo 27 de Masmovil e o 19,5 de Vodafone.
Reclamacións segundo a SETID
As reclamacións sobre o servizo móbil varían entre o 0,45% de Vodafone ate preto do 2,5% de Orange e Movistar. Nas contas prepago, as porcentaxes invértense, xa que flutúan entre o 0,087%
de Movistar e o 2,22% de Vodafone. As reclamacións relativas a facturas sitúanse entre o 0,057% de Vodafone e o 1% de Movistar.
Os tempos de resolución de reclamacións varían desde os 23 días de R ou os 19 de Masmovil ate os 2,71 de Vodafone. Para o servizo fixo, a SETID amosa un abano que vai desde o 0,96% de Masmovil ate máis do 5% de R e Telecable. Os tempos de resolución móvense entre os 5,30 días de Vodafone e os case 20 de Masmovil e R. Por último, as reclamacións sobre facturas presentan uns rexistros desde o 0,20% de Masmovil ate o 1,41% de Telecable.

PUBLICIDADE