Movistar converte en ilimitados os datos das súas liñas móbiles e elimina os límites de franquía

xoves, 12 de xaneiro do 2023 S. P.

Movistar comezou o ano anunciando que todas as súas liñas móbiles (agás as de prepagamento) pasarán a dispoñer de datos ilimitados. Deste xeito, a operadora suprime os cargos por superar a franquía de datos naquelas liñas que dispoñen dela e posibilita que cando aqueles se esgoten os clientes poidan agora seguir navegando “a unha velocidade máis reducida”, pero que permite, en palabras da compañía de telecomunicacións, “un uso razoábel e suficiente da maioría de servizos da Internet”.
O devandito tradúcese en que xunto á voz ilimitada, todas as liñas de Movistar van permitir navegar a velocidade ultrarrápida 5G sen límite de datos e posibilitarán aos clientes “estar sempre conectados sen preocuparse polos posíbeis excesos de consumo”.
Movistar, a un nivel máis concreto, fixo saber que “aquelas liñas que dispoñan de franquía de datos, ao superarse a mesma, esta verase reducida ata os 2 Mbps”, que, en palabras da operadora “abonda para obter unha experiencia de uso razoábel ao navegar por Internet e utilizar servizos de mensaxería ou de vídeo en streaming, entre outros”.
A maiores, a liña Ilimitada Plus permite “navegar sempre á máxima velocidade sen ningún tipo de limitación, apalancada sobre a cobertura 5G de Movistar”.
Por certo que a mellora non terá ningún custo e aplícase de forma automática desde do 11 de xaneiro a todos os clientes, tanto actuais como novos. O cambio é para os clientes de miMovistar, Fusión e Contrato Móbil.
Ademais da voz e os datos ilimitados, Movistar tamén inclúe Movistar Cloud. Permite un almacenamento ilimitado na nube en todas as liñas móbiles do cliente para “que poida gardar todos os seus arquivos, fotos, vídeos e documentos nun único lugar ou consultalos desde a aplicación incluída no decodificador de Movistar Plus”, explica a operadora, engadindo que se inclúe tamén o servizo integrado de Conexión Segura, “para navegarmos protexidos e con total seguridade tanto en dispositivos móbiles como na rede Wi-Fi do fogar”.

PUBLICIDADE