Movistar desprega 5G de 3.500 MHz en 86 concellos galegos

mércores, 12 de xullo do 2023 S. P.

Movistar acometeu esta tempada novos traballos de despregadura que se saldaron coa presenza da súa 5G, na banda de 3.500 Mhz, en 86 concellos de Galicia. Segundo explica a operadora, a alta frecuencia de 3.500 MHz permite ofrecer os servizos máis avanzados de 5G, cunha moi baixa latencia, descargas case instantáneas, streaming de máxima calidade, ultravelocidade de navegación a través da rede, posibilidade de xogar na nube sen interrupcións e, en xeral, “unha excepcional experiencia do usuario, vantaxes asociadas ao recente lanzamento de 5G desde Movistar”.
Ademais, a operadora explica que as modalidades de 5G sobre a banda de 3.500 Mhz permiten tamén retransmitir imaxes a alta velocidade en contornas de moita densidade de tráfico, como poden ser concertos ou eventos deportivos.
Por provincias, Movistar despregou esta banda en 37 concellos da Coruña, 13 de Lugo, 10 de Ourense e 26 de Pontevedra, e seguirá avanzando progresivamente no seu despregamento. Ao mesmo tempo, continúa traballando tamén na extensión de 5G na banda baixa de 700 MHz, que mantén algunhas das características do 5G, pero “sobre todo ten máis capacidade de penetración no interior das vivendas”, apuntaron fontes da operadora, engadindo que en Galicia xa forneceu de 5G en 700 MHz a 218 concellos.
En España, Movistar cobre xa coa banda de 3.500 MHz máis de 700 municipios, e prevé alcanzar o milleiro no segundo semestre deste ano. Respecto á banda de 700 MHz, na actualidade chega xa a 2.200 municipios. En conxunto, o 5G de Movistar abrangue xa a máis do 85% da poboación española. O 5G, que opera tanto sobre as bandas de 3.500 MHZ como de 700 MHz, non ten custo algún para os clientes de Movistar e a súa activación na terminal prodúcese de forma automática.
A operadora destacou tamén que todas as despregaduras de 5G están a desenvolverse tendo en conta os criterios de sustentabilidade ambiental. E engade: “A 5G consome un 90% menos de enerxía por unidade de tráfico (W/Mbps) có 4G, ademais de que se apoia no consumo de electricidade 100% renovábel, aspecto que Telefónica España aplica a toda a súa rede desde o ano 2017, e ademais Movistar segue a traballar para que a rede sexa cada vez máis eficiente en termos de enerxía e carbono, co obxectivo de alcanzar emisións netas cero en 2040”.
Dende 2015 Movistar foi quen reducir un 96% as súas emisións operativas, un 12% o consumo enerxético (a pesar de que o tráfico de datos multiplicouse por 4,7 no mesmo período) e un 58% a súa pegada de carbono.

PUBLICIDADE