Movistar+ e a galega Portocabo retoman en xuño a rodaxe de Hierro 2

xoves, 21 de maio do 2020 S. P.

A produtora galega Portocabo e a plataforma de contidos audiovisuais Movistar+ anunciaron este 21 de maio o reinicio da rodaxe de Hierro T2, a primeira gran rodaxe post-COVID das producións orixinais da operadora. A serie, creada e dirixida polos galegos Pepe e Jorge Coira, retómase concretamente co inicio de xuño na illa canaria do mesmo nome, logo da parada de actividade obrigada pola crise sanitaria e o Estado de Alarma.
O plan é completar as dez semanas de rodaxe pendentes, ao abeiro dun “estrito protocolo sanitario definido polo Goberno de Canarias”, informou Movistar+, engadindo que a día de hoxe o arquipélago atópase na fase 2 de desconfinamento.
Movistar+, Portocabo, ARTE France e Atlantique Productions acordaron co Goberno de Canarias un estrito protocolo sanitario para o que foi fundamental o apoio do Cabildo do Hierro e diferentes empresas do arquipélago.
O equipo de artistas e técnicos regresará á illa de Hierro de “maneira escalonada”, unha vez sometéronse a un test PCR nas súas residencias habituais. Á súa chegada á illa terán que pasar un período de illamento e un novo test médico antes de reincorporarse aos que serán os seus aloxamentos ao longo das 10 semanas de rodaxe que restan.
Hierro é un thriller xudicial protagonizado por Candela Peña. A segunda tempada constará de 6 episodios de 50 minutos de duración e estrearase en Movistar+ en 2021.

PUBLICIDADE