Movistar estrea un servizo que dota de fibra todos os recunchos do fogar

venres, 1 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Movistar anuncia hoxe o lanzamento dun produto que vai revolucionar o mercado: Fibra FTTR Movistar. Trátase da solución definitiva para gozar de cobertura total en calquera recanto da casa grazas á instalación dun cable fino, practicamente invisible, sen precisar de obras, ao longo de todas as estancias, evitando así os problemas de cobertura e estabilidade de redes sen fíos.
Actualmente o servizo Fibra FTTR Movisar está dispoñible para clientes de miMovistar ou Fusión residentes en Madrid ou Barcelona, aínda que estenderase ao resto da xeografía en breve, ten unha cota de alta de 120 euros (incluíndo router Wi-Fi 6, kit principal FTTR e a despregadura da fibra polo fogar) e unha cota mensual de 9,90 euros. No caso de darse de baixa do servizo antes de 24 meses haberá que pagar unha penalización de 100 euros (así como devolver o equipamento asociado).
Non estamos ante un servizo que vaia ter unha grande demanda, senón que estaría especialmente orientado a casas grandes, con varios andares ou habitacións afastadas, que teñen problemas de cobertura con redes Wi-Fi (en moitas ocasións pola presenza de cristais ou paredes grosas) e non queren realizar obras para unha canalización de cable ordinaria nin encher o fogar de nodos dunha Wi-Fi Mesh.

Vídeo promocional do servizo Fibra FTTR Movistar

PUBLICIDADE