Movistar+ fornece ao seu apoio ao evento galego Conecta Fiction

mércores, 5 de abril do 2017 Redacción

Conecta Fiction, evento destinado a xuntar na nosa terra a boa parte dos máis referenciais creadores de contidos e ferramentas audiovisuais, vai ter o apoio de Movistar+. Así nolo contou a organización do encontro esta mesma semana (unha alianza integrada por AGADIC, o ICEX e a Fundación SGAE), salientando que a colaboración da operadora-plataforma materializase en boa medida no desenvolvemento de un dos seus dez proxectos de series finalistas. Como dixemos recentemente, Conecta Fiction xuntará unha manchea de responsábeis cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras de ambos beiras do Atlántico. A cita será na Cidade da Cultura do 21 ao 23 de xuño.
A primeira edición de Conecta Fiction, que foi presentada os días pasados cunha gran repercusión nos medios galegos, estatais e internacionais, será unha actividade pioneira, innovadora e específica sobre o estado de saúde actual “da puxante industria da ficción televisiva en fala hispana”.
Volvendo ao apoio de Movistar+, a plataforma de TV dixital terá, en palabras dos organizadores do evento, “unha presenza moi activa en diferentes seccións do encontro”, especialmente nas sesións de pitching de proxectos de series e miniseries, entre os que seleccionará un dos 10 finalistas para ofrecerlle un contrato de desenvolvemento.
A incorporación de Movistar+ é unha das últimas novidades da primeira edición de Conecta Fiction. Este certame-congreso contará, entre outras actividades innovadoras, cun Advisory Board destinado a descubrir talentos e novo proxectos, así como para atopar o financiamento para a posta en marcha de coproducións internacionais.
Segundo engaden as entidades organizadoras, durante a celebración do evento, a Cidade da Cultura de Galicia converterase “nun espazo propicio para que os ámbitos creativo e empresarial entren en contacto directo mediante a participación de produtores executivos, directores, guionistas, compositores, inversores, co-produtores, executivos de cadeas de televisión e plataformas OTT e distribuidores internacionais, entre outros profesionais”.
Terá especial relevancia a presenza nesta primeira edición dos responsábeis de 60 cadeas de televisión, produtoras e marcas de referencia en América e Europa interesadas en investir en proxectos de coprodución internacional.
Conecta Fiction mantén aberta ata o vindeiro día 15 a convocatoria de inscrición de proxectos de series e miniseries a través da súa web www.conectafiction.com, á que poden optar aquelas propostas que conten cando menos cun 10% do seu financiamento cuberto, teñan un enfoque internacional e unha clara adecuación para ser co-producidas, así como conexión coa cultura española e latinoamericana.
De entre todas as recibidas, un comité internacional elixirá os 10 proxectos que participarán no pitching de coprodución. Esta será unha das actividades centrais do programa profesional.

PUBLICIDADE