Movistar inclúe nunha agresiva promoción de fibra óptica Movistar Plus+ Lite

martes, 27 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Nas últimas semanas incrementouse a competencia entre operadores de telecomunicacións para captar clientes de liñas de fibra óptica de 1 Gbps, resultando bastante curioso que sexa un dos operadores dominantes, Movistar, o que estea a realizar ofertas agresivas ofrecendo agora non só a súa tarifa Conecta 1 Gb (que inclúe fibra óptica simétrica de 1 Gbps e liña telefónica con chamadas ilimitadas a fixos e móbiles) a un prezo de 29,90 euros/mes durante 9 meses (pasará a custar 50 euros/mes tras a promoción), senón tamén incluíndo dentro da promoción 9 mes de subscrición de balde ao servizo televisivo Movistar Plus+ Lite.
Este servizo televisivo non depende de descodificador, xa que só precisa para a súa recepción un móbil, unha tableta ou un ordenador persoal con acceso á Rede para poder recibir os contidos televisivos, coa única limitación de poder empregarse simultaneamente nun máximo de 2 dispositivos.
Movistar Plus+ Lite ten habitualmente un prezo de 8 euros/mes e aparte de contar con numerosos contidos de ficción, humor e deportes (así como varias canles da TDT) para o seu consumo ligado á grella da programación das súas respectivas canles, tamén conta con función de gravación de programas e coa posibilidade de consultar os 7 últimos días da programación.

PUBLICIDADE