Movistar lidera a calidade en telecomunicacións
xoves, 6 de marzo do 2025
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración coa Asociación pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES), analizou a calidade dos operadores de telecomunicacións segundo os datos da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais sobre telefonía fixa, móbil e Internet, así como as estatísticas de reclamacións rexistradas pola OAUT (Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións e Servizos Dixitais).
Puntuacións
- Notas relativas á calidade dos operadores
Na análise dise que no servizo fixo, Movistar alcanza unha puntuación de 8,17, cualificación que se sustenta “nun baixo nivel de avarías, tanto en telefonía fixa como Internet, na rápida resolución das mesmas e na altísima porcentaxe de avarías reparadas no prazo obxectivo de 48 horas”.
Pola contra, UCGAL e ADECES sitúan ao grupo Másmóvil no final da clasificación con 6,65 puntos. O resto aproxímase aos 7 puntos ou pásaos lixeiramente. A máxima diferenza nas notas é do 23%.
No servizo móbil, obteñen as peores puntuacións R, Vodafone (a pesar do “seu bo comportamento en relación co número de reclamacións e o seu tempo de resolución”) e o grupo Orange, que con pouco máis de 3,5 puntos pecha a clasificación nesta categoría. Másmóvil e Euskaltel obteñen 5,91 e 5,26 puntos respectivamente. Movistar logra unha nota de 6,27 puntos. A máxima diferenza nas notas é do 70%.
A calidade global está encabezada polo tanto por Movistar, con 7,22 puntos. Doutra banda, as puntuacións máis baixas son para o grupo Orange, Vodafone e R, entre 5,23 e 5,84 puntos. Euskaltel logra 6,20 puntos. a diferenza porcentual entre o primeiro e o último é do 38%.
Avarías
A maior porcentaxe de avarías na Internet é para Telecable (2,59%), seguido moi de preto por Euskaltel (2,54%). No polo oposto Movistar (0,25%), ao que segue Vodafone (0,64%), segundo se sinala na investigación, na que se engade que o tempo empregado na reparación de avarías tamén xoga “un papel determinante e del depende a continuación do servizo en caso de incidencia”. Na Internet, os tempos poden superar a 100 h (4 días), como ocorre co grupo Orange ou Euskaltel. Neste ámbito, os mellores son Movistar (46 h) e Telecable (52 h), sinalan dende as dúas asociacións de consumidores.
En telefonía fixa, o estudo di que “R supera os 5 días (130 h) e o grupo Orange achégase a eles (113 h)”, pola contra “o grupo Másmóvil e Euskatel sitúanse en preto dos catro días, e os mellores son Vodafone (30 h) e Movistar (47 h)”.
En canto á porcentaxe de avarías reparadas no tempo obxectivo na internet (48 horas), as “diferenzas son moi avultadas”, explican UCGAL e ADECES, que sosteñen que “mentres Movistar aproxímase ao 100%, Euskaltel e os grupos Orange e Másmóvil móvense ao redor do 85% e Vodafone, R e Telecable superan por pouco o 90%”.
En telefonía fixa, de novo Movistar aproxímase ao 100%, acompañado de preto por Vodafone (98%). O resto dos operadores non chega ao 90% ou supérao lixeiramente (Telecable).
Reclamacións
Segundo a OAUT, o grupo Orange (6,29), ten “o menor volume de reclamacións no servizo fixo, seguido de Movistar (8,44); por encima da decena Vodafone e o grupo Másmóvil”.
En servizos converxentes, o menor volume é para Movistar (1,10), rexistro que Vodafone multiplica por 6. O resto dos operadores presenta un volume próximo a 2 ou a 1,50.
No informe dise que en canto ás reclamacións móbiles, o grupo Másmóvil e Movistar rexistran unha magnitude similar de reclamacións ante a OAUT (ao redor de 0,80) e que Vodafone duplica esa referencia e o grupo Orange multiplícao por máis de 4 veces.
Polo que respecta aos datos da SETID, estes falan dunha porcentaxe de reclamacións fixo que sitúa ao grupo Másmóvil como o mellor (0,41%), seguido de Euskaltel (0,67%). Entre 0,78% e 1,63% o resto de operadores fóra de Movistar (2,62%), que tamén presenta o peor dato en reclamacións de móbil (1,32%), o grupo Orange tamén supera o 1%. Neste servizo Euskaltel ten a mellor porcentaxe (0,06%).
Banda larga
A UCGAL, para contextualizar este parámetro sostén que “as velocidades xa non son determinantes nas diferenzas de calidade entre operadores”. Por exemplo, engade, “o caudal medio de descarga e subida nas ofertas de fibra e cable está no rango do 95% ou supérao (Telecable e Orange), e tan só afástanse dese rango Vodafone na descarga (92%) e, sobre todo, Telecable na subida (89%)”.
En banda larga móbil, os caudais medios de baixada oscilan entre o 31% (grupo Orange) e o 46% do grupo Másmóvil. Na subida, móvense entre o 47% de Vodafone e o 85% do grupo Másmóvil. A UCGAL aclara que “os datos do grupo Másmóvil baséanse en ofertas de 111/37,5 Mbps, en tanto que as do resto de operadores son de 150/50 Mbps”.