Movistar quere cubrir coa súa fibra a totalidade do territorio de Carballo

mércores, 19 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Polígono de Bértoa está entre as máximas prioridades de Telefónica e o Concello

O Concello de Carballo vén de manter unha xuntanza coa operadora Telefónica para recadar información sobre as presentes e futuras actuacións da compañía no termo municipal, en materia de cobertura de rede (fibra até o fogar) para aquelas zonas que aínda non dispoñan dela ou que non poidan realizar un acceso de calidade. A reunión foi mantida pola directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Tamén participaron técnicos da empresa e da Administración local, amais do concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. O tema a tratar foi o proceso de extensión de fibra óptica no concello, iniciado hai case tres anos, e que na actualidade, segundo os datos da firma, chega ao o 85% do territorio.
O devandito sitúa a Carballo como un dos municipios da nosa terra con máis implantación de FTTH (fibra até o fogar polas súas siglas en inglés). Segundo fixo saber a operadora, a intención é seguir ampliándoa ata cubrir a totalidade o concello
Os representantes de Movistar salientaron a colaboración da cidadanía, que “resulta fundamental para realizar o despregue”, unha fórmula de traballo que se está aplicar, tamén, nos labores actuais: a consecución de pasos nas zonas de Pedra do Sal (Lema) e Outeiro (Sísamo).
Porén, a operadora si que recoñeceu dificultades para completar o despregue está no Polígono de Bértoa debido a “que a rede existente pertence a outra compañía”, sinalaron os representantes da compañía, coincidindo co Concello na necesidade de facer avanzar a fibra na dita contorna empresarial, polo que xa sentaron as bases para traballar conxuntamente e facelo “o antes posíbel”.
Novamente o Concello de Carballo anunciou que se porá a disposición da veciñanza para trasladar a Telefónica os problemas de cobertura que poida haber en puntos concretos do territorio municipal. As persoas afectadas deben comunicalos na propia casa consistorial, chamando ao teléfono 981 704 700 ou a través do enderezo electrónico infocarballo@carballo.gal.

PUBLICIDADE