Movistar reforza a súa rede móbil en Vilagarcía para responder ao aumento do tráfico de datos durante a Festa da Auga

luns, 14 de agosto do 2023 S. P.

Movistar reforzará cunha unidade móbil a cobertura da rede de Vilagarcía con motivo da Festa da Auga, que se celebra o mércores 16 de agosto e coa previsión asegurada de congregar miles de visitantes.
A compañía de telecomunicacións quere dar reposta ao incremento da demanda de voz e datos que se dará durante o evento, motivada pola afluencia masiva de turistas, así como polo uso cada vez máis intensivo de dispositivos móbiles, “o que xerou un crecemento exponencial do tráfico de datos nos últimos anos”, explican fontes de Movistar, que a nivel galego anunciou unha ampliación da súa cobertura 5G en zonas costeiras e de interior con gran concorrencia de visitantes en datas estivais. A un nivel máis concreto, a operadora de telecomunicacións pechou o primeiro semestre de 2023 en Galicia con preto de 300 municipios con cobertura 5G tanto na banda de 3.500 Megahercios (MHZ), “que permite ofrecer os servizos máis avanzados cunha moi baixa latencia, como na de 700, con máis capacidade de penetración no interior de vivendas”, sinalan fontes da empresa.
En conxunto, a 5G de Movistar cobre xa a máis do 85% da poboación española e o seu obxectivo é dotar de ultras banda larga (fibra e/ou 5G) a todo o territorio galego nos dous próximos anos.

PUBLICIDADE