Mulleres con discapacidade de Santiago e Lugo formáronse con ACADAR no manexo das TIC
luns, 30 de decembro do 2024
A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) desenvolveu ao longo deste ano o Programa de Atención Social e Asesoramento Especializado I, unha iniciativa que proporcionou apoio e formación personalizada a 26 mulleres con discapacidade nas cidades de Santiago de Compostela e Lugo.
Este programa ten como obxectivo principal “mellorar as habilidades sociais, formativas e prelaborais das mulleres participantes, ofrecendo itinerarios adaptados ás súas necesidades específicas para facilitar a súa inserción no mercado laboral”, segundo explicou a confederación COGAMI, na que se integra ACADAR, engadindo que entre as actividades realizadas, destacaron as sesións formativas tanto individuais como en grupo sobre Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), onde as participantes adquiriron competencias clave para a procura de emprego, como o uso do correo electrónico, o certificado dixital, os portais de emprego ou a creación dun currículo vitae profesional.
Ademais, o programa abordou un tema de gran relevancia: a violencia sexual dixital contra mulleres e nenas con discapacidade. As accións de sensibilización e formación orientáronse a “fomentar o uso responsábel e seguro das TIC, capacitando ás mulleres para unha convivencia dixital respectuosa e libre de riscos”.
A realización deste servizo foi unha realidade grazas á colaboración cidadá mediante a marcación da X Solidaria (recadro 106 de fins sociais) na declaración da renda, impostos que xestiona a Xunta de Galicia e destinados a financiar proxectos como este. A través deste apoio, iniciativas que promoven a inclusión laboral e o apoderamento de mulleres con discapacidade poden seguir traballando en prol dunha sociedade máis xusta e inclusiva.
Desde a súa fundación en 2009, ACADAR mantén o compromiso de promover, coordinar e reivindicar os dereitos das mulleres e nenas con discapacidade, fomentando a súa plena inclusión en todos os ámbitos sociais.