Mulleres de Seu celebrará os seus 10 anos potenciando a súa presenza nas redes sociais

mércores, 11 de outubro do 2023 S. P.

Mulleres de Seu, asociación impulsada en 2013 pola cooperativa agrogandeira CLUN para fomentar a visibilidade, o apoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural, anunciou que vai poñer en marcha unha campaña de actividades para conmemorar o seu décimo aniversario, coincidindo, tamén, coa celebración do Día Internacional da Muller Rural (este 15 de outubro). Mulleres de Seu é un grupo interxeracional de mulleres gandeiras, integrado por socias de CLUN que viven e traballan en zonas rurais dos concellos de Ames, Ribadeo e Melide.
“Os nosos grandes obxectivos son apoderar e motivar ás mulleres rurais para fomentar o seu liderado, traballar pola visibilidade e o recoñecemento do papel das mulleres no ámbito rural. Buscamos a igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres. E tratamos de contribuír á transformación do rural como motor de emprendemento e innovación, como un medio sustentábel e como un lugar onde vivir e traballar”, manifestou Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa CLUN e presidenta de Mulleres de Seu.
No programa conmemorativo inclúese un novo plan de formación para o período 2023-2024 baixo o lema Para Nós: obradoiros persoais e de autocoidado cos que se pretende mellorar o benestar físico e emocional das mulleres, reforzar o seu traballo diario de apoderamento e potenciar o seu recoñecemento profesional como mulleres rurais. Nesta liña, abordaranse aspectos como a nutrición, a beleza ou o mindfulness.
Con motivo do 10º aniversario, a través das redes sociais de CLUN (Instagram, Facebook e TikTok) vanse difundir historias das mulleres da asociación, unha nova sección titulada Mulleres gandeiras de CLUN que formará parte das redes da cooperativa con novas entrevistas cada mes. Ademais, durante uns días, a nova canle de TikTok da cooperativa estará en mans de Lucía Casal, unha moza influencer gandeira, socia de CLUN e membro de Mulleres de Seu, tiktokeira con preto de 15.000 seguidores que recibiu este ano o Premio Nacional de Juventud na categoría de Medio Ambiente, galardón que concede o Instituto de la Juventud en España (INJUVE). Desde a súa granxa familiar de vacas, situada nunha aldea de Melide, amosa cada día como é o seu oficio, achegando o traballo das mulleres gandeiras á poboación máis nova.