Multa a Google polas súas prácticas anticompetitivas na publicidade en liña

venres, 5 de setembro do 2025 Redacción

A Comisión Europea impuxo a Google unha multa de 2.950 millóns de euros por vulnerar as normas de competencia da UE ao distorsionar o mercado da tecnoloxía publicitaria en liña. Segundo Bruxelas, a compañía estadounidense favoreceu os seus propios servizos de publicidade display en detrimento doutros provedores, anunciantes e editores en liña.
O executivo comunitario ordena agora a Google: pór fin a estas prácticas de autopreferencia e aplicar medidas que eliminen os conflitos de interese inherentes ao longo da cadea de subministración da publicidade en liña. A empresa dispón de 60 días para informar á Comisión sobre como pretende cumprir estas esixencias.
A investigación constatou que Google é dominante no mercado europeo tanto dos servidores de anuncios para editores (coa súa ferramenta DFP) como das plataformas de compra programática para a web aberta (Google Ads e DV360). Entre 2014 e a actualidade, Google tería abusado desta posición en violación do artigo 102 do Tratado de Funcionamento da UE, favorecendo a súa propia plataforma de intercambio AdX en dous frontes: informando a AdX por adiantado do valor da mellor oferta dos competidores para que puidese superala e orientando as ferramentas de compra (Google Ads e DV360) a licitar principalmente en AdX, facendo deste o intercambio máis atractivo. Estas condutas reforzaron o papel central de AdX e permitiron a Google cobrar comisións elevadas.
A Comisión sinala que só o desinvestimento dunha parte dos servizos de Google podería resolver os conflitos de interese estruturais, aínda que primeiro analizará as propostas que formule a compañía. Se non resultan satisfactorias, procederá a impoñer un remedio proporcional.
A sanción, calculada segundo as directrices de 2006, tivo en conta a duración e gravidade da infracción, o volume de negocio de AdX no Espazo Económico Europeo e o historial previo de sancións de Google por abuso de posición dominante.

A postura de Teresa Ribera

Segundo explicou a vicepresidenta executiva Teresa Ribera, «esta decisión reafirma o compromiso inequívoco da UE coa aplicación das normas de competencia». lembrou que non é a primeira vez que Bruxelas detecta condutas ilegais de Google noutros mercados dixitais. A responsable comunitaria incidiu en que a estratexia da compañía encareceu os custos de mercadotecnia para os anunciantes, custos que probablemente se trasladaron a consumidores europeos mediante prezos máis altos, e reduciu os ingresos dos editores, co conseguinte impacto na calidade dos servizos e nos custos de subscrición.
A vicepresidenta lembrou que un tribunal federal dos Estados Unidos vén de dar a razón ao Departamento de Xustiza nun caso paralelo contra Google, e que agora deberá pronunciarse sobre os remedios a aplicar. «Existe espazo para garantir que Google adopte unha solución efectiva a ambos lados do Atlántico», afirmou, incidindo en que un resultado conxunto redundaría en beneficio non só dos consumidores europeos, senón da cidadanía mundial.
Ribera concluíu que a Comisión seguirá aplicando as súas regras «con firmeza e xustiza, sen medo nin favoritismos» fronte a todas as compañías que operen no mercado europeo, lembrando que os tratados fundacionais, as leis e os valores democráticos da UE «non están en discusión».

A resposta de Trump

A reacción do presidente dos EE.UU. non se fixo agardar, e espetou en Trush Social que «Europa hoxe golpeou outra gran compañía estadounidense, Google, cunha multa de 3.500 millóns de dólares, quitando efectivamente cartos que doutro xeito irían a investimentos e empregos estadounidenses. Isto súmase ás moitas outras multas e impostos que se teñen imposto contra Google e outras compañías tecnolóxicas estadounidenses, en particular. Moi inxusto, e o contribuínte estadounidense non o aceptará! Como dixen antes, a miña Administración NON permitirá que estas accións discriminatorias continúen», ao que apuntou despois que «a Unión Europea debe deter esta práctica contra as compañías estadounidenses, INMEDIATAMENTE!».