Multiplícase o uso das ferramentas de ciberseguridade da Xunta por parte dos concellos

luns, 15 de setembro do 2025 Redacción

Os concellos que utilizan as ferramentas de ciberseguridade da Xunta multiplicáronse por catro no último ano. Na actualidade son 113 as entidades locais que teñen monitorizados os seus servizos en internet para detectar e cualificar riscos, fronte ás 30 de 2024. Só na primeira metade deste ano a Xunta de Galicia trasladoulles preto de 2.000 alertas por posibles fraudes, como o roubo de credenciais ou páxinas web falsas. Os sistemas autonómicos chegan a procesar a diario arredor de 710 millóns de eventos informáticos en concellos e deputacións.
A AMTEGA informou hoxe ao Consello da Xunta sobre estes servizos, que empregan as catro deputacións e 109 concellos. As ferramentas permiten supervisar 170 direccións IP e 252 dominios, ofrecendo control e prevención fronte a ciberameazas.
Desde 2021, cando se puxo en marcha o plan específico de protección das entidades locais galegas, os concellos dispoñen de apoio técnico, formación e servizos avanzados en materia de seguridade. Entre eles destacan a Oficina Técnica de Seguridade, a monitorización de servizos en internet, a vixilancia dixital, auditorías técnicas, servizos de protección avanzada e actividades de concienciación.
As deputacións e 22 grandes concellos fan uso da vixilancia dixital, que supervisa datos sensibles e evita fraudes relacionados con credenciais, dominios ou páxinas web que imitan ás administracións. A mediados de ano rexistráronse preto de 2.000 alertas, mentres que en 2024 foran máis de 3.600. Pola súa banda, a monitorización permanente de alertas, utilizada por 10 entidades locais, permite procesar máis de 700 millóns de eventos diarios e leva xestionadas xa 8.500 alertas ou intentos de ataque neste exercicio.
Desde 2022 realizáronse 172 auditorías técnicas en concellos e deputacións, ademais de poñer á súa disposición 6.000 licenzas dunha plataforma de protección avanzada.
O plan de protección das entidades locais preséntase como unha mostra de visión estratéxica, solidariedade institucional e optimización de recursos, pois estas administracións ofrecen servizos esenciais e xestionan datos sensibles que requiren garantías de seguridade. O acordo marco actualmente en vigor, aprobado en 2024, conta cun orzamento de 29 millóns de euros, fronte aos 8,2 millóns do primeiro acordo de 2021. O incremento dos incidentes e a maior demanda de soporte especializado fixeron necesario triplicar a previsión inicial.