Mundos Digitales reunirá na Coruña os principais referentes internacionais da creación dixital

venres, 3 de xullo do 2026 Redacción

A Coruña volverá converterse entre os días 9 e 11 de xullo nun dos principais puntos de encontro da industria internacional da creación dixital coa celebración da XXIV edición de Mundos Digitales, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media. O evento reunirá profesionais de estudos, plataformas e empresas tecnolóxicas de referencia para analizar a evolución da animación, os videoxogos, os efectos visuais, a produción virtual, as experiencias inmersivas e a intelixencia artificial aplicada á creación audiovisual.
A programación do congreso, presentada oficialmente este xoves no Coruña Estudio Inmersivo, inclúe máis de medio cento de conferencias, mesas redondas e actividades profesionais, co obxectivo de combinar divulgación, formación especializada, creación de redes de contacto e oportunidades laborais nun sector en plena transformación. O congreso conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC, da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña.
A edición deste ano centrará boa parte do seu contido na converxencia entre as tecnoloxías emerxentes e os procesos creativos. A produción virtual, os novos modelos de creación interactiva e a incorporación da intelixencia artificial aos fluxos de traballo protagonizarán as sesións, nas que tamén se abordarán os retos organizativos, éticos e tecnolóxicos derivados destas ferramentas.
Entre os relatores destaca Paul Debevec, responsable de investigación en produción de contidos de Netflix e unha das figuras máis influentes no ámbito da iluminación dixital e da captura de imaxe, que compartirá a súa experiencia xunto a profesionais de destacados estudios internacionais.
A intelixencia artificial tamén será obxecto de reflexión desde unha perspectiva legal e humanista coa conferencia Humanismo na IA, impartida polo avogado especializado na industria audiovisual Fran Menéndez. A sesión analizará a regulación da IA nas industrias culturais, o papel dos creadores nos procesos asistidos por estas tecnoloxías e a protección dos dereitos de autor nun escenario marcado pola rápida evolución das ferramentas de xeración automática de contidos.
Os efectos visuais e a produción virtual terán un papel destacado nunha mesa redonda que reunirá Christina Caspers, directora xeral de TRIXTER e produtora executiva de Cinesite Group; Sara Bennett, gañadora do Óscar aos mellores efectos visuais por Ex Machina; e as profesionais Irene Gutiérrez, Hayley Miller e Christine Resch. O encontro abordará o impacto das novas tecnoloxías na produción audiovisual a partir da experiencia acumulada en proxectos como The Sandman, Loki, Foundation, The Woman King ou The Martian.
O estudio español El Ranchito mostrará tamén o traballo realizado na quinta tempada de The Boys coa presentación Cuarto e metade de casquería, por favor! Sangue e vísceras en The Boys. David Blanco e Daniel Gómez explicarán os procesos empregados para recrear dixitalmente órganos, fluídos e destrución corporal extrema, así como os desafíos técnicos e artísticos que supuxo participar nunha das series máis recoñecibles do panorama audiovisual actual.
A programación complétase cunha ampla oferta de actividades orientadas ao desenvolvemento profesional. Regresan os encontros Coffee With, que permitirán conversas en grupos reducidos con expertos internacionais, e a Feira de Emprego, consolidada como un dos principais espazos europeos para conectar estudios e empresas con estudantes e profesionais da animación, os efectos visuais e os novos media. O congreso incluirá tamén unha nova edición do seu Festival Internacional de Animación, ademais de proxeccións, obradoiros, demostracións e actividades especiais.