Music Sofa: música e deseño (?) nun único dispositivo

xoves, 29 de marzo do 2007 Raquel Noya

Como directamente saído dunha película do axente 007 (ou máis ben do ridículo Austin Powers), chega ós nosos fogares (dende logo non ó meu) o Music Sofa, un sillón para unha soa persoa que incorpora altofalantes en ambos flancos e que permite reproducir CDs de música directamente sen necesidade doutro dispositivo a maiores. Outra das características máis salientables deste asento inspirado nos anos 70 da era espacial é que pode conectarse a calquera fonte de son, como cadeas de música ou MP3 e empregarse este como saída.
E por se isto non fose pouco, e para compensar (supoño) pola incomodidade que debe resultar deste híbrido de sofá resultante dunha fundición dun moble cun equipo de alta tecnoloxía, os fabricantes tamén incorporan funcionalidade sen fíos, para escoitar as cancións procedentes dende calquera punto do cuarto.
Se ben é certo que o sofá musical deseñado por GiongKun Wugiongkun desafía a norma coas súas liñas curvas e un (in) cómodo coxín interior, nós quedámonos cos auriculares de toda a vida e cun asento acolchado (ou con calquera descampado nun día de sol) na máis absoluta discreción. Iso si: polo de agora non se porá á venta, co que os que ían facer reformas no salón para afacelo ós novos tempos terán que agardar aínda unha tempada.

PUBLICIDADE