Música para quitármonos un peso de enriba

mércores, 7 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Non temos nin a máis remota idea de onde os xaponeses obteñen tanta capacidade de enxeño e de inventiva; tampouco onde agochan a súa fonte de inspiración (máis cotizada hoxe en día cá mesmísima fonte da eterna xuventude), pero o caso é que o inventor deste cagadeiro, un empregado da compañía Toto (coñecida por facer “inodoros tecnolóxicos”), debe pasar tempo abondo sentado nel, pois doutro xeito non sería posible que creara este extravagante “trono do rei”: un asento para inodoros con reprodutor MP3, cunha SD memory card slot de até 4 GB e con capacidade para almacenar máis de 2000 cancións.
Este moderno dispositivo, que leva un control remoto para colocalo na parede e facer as delicias dos cagóns, vai deixar (definitivamente) fóra de xogo ás revistas e xornais atrasados que quedan durante semanas a disposición dos ocupantes e, como non, ás etiquetas traseiras dos xampús e xabóns líquidos ós que tantas veces recorremos a falta doutra lectura máis amena e interesante mentres realizamos as nosas necesidades básicas. E por se a atmosfera non fora confortable de abondo, o dispositivo tamén trae 18 arquivos de audio precargados que inclúen algúns sons da natureza como fontes ou regachos con auga correndo, moi útiles para aqueles que teñan problemas á hora de rematar o traballo comezado. A partir de agora, o meirande problema para os usuarios deste gadget será escoller a canción (ou cancións) que mellor se afagan ás nosas “necesidades” diarias; teremos que decidir se será mellor “evacuar” a ritmo de reagge ou ben ó son dun bolero dos Panchos... todo dependerá do apuro.

PUBLICIDADE