Musk quere facerse con Twitter

luns, 18 de abril do 2022 Marcus Fernández

Os últimos movementos de Elon R. Musk con respecto a Twitter están a ser especialmente intensos, pois tras mercar un importante grupo de participacións da compañía, anunciar que entraría no cadro de dirección da empresa e logo botarse atrás e decidir non comprometer o seu xeito de participar na compañía, presentou unha oferta de compra pola totalidade das accións de Twitter a un prezo de 54,20 dólares cada participación, operación coa que pretende o control absoluto de Twitter retirando a compañía dos mercados bolsistas.
Sorprende que esta oferta de compra por parte de Musk se fixese sen contar co cadro directivo de Twitter, que reaccionou anunciando un plan de dereitos especiais para os accionistas desalentar unha compra non acordada, facendo así que a compra da compañía non resulte atractiva, estratexia que consideran que prexudica aos accionistas e só beneficia aos directivos que adoptaron esta dirección.
Musk, pola súa banda, optou por unha plataforma tan visible como TED para realizar comentarios sobre as súas intencións con respecto a Twitter, nunha entrevista na que destacou que a súa intención é promover a liberade de expresión en Twitter, loitar contra as redes de bots e o spam, promover a transparencia sobre os contidos destacados, facilitar a edición de chíos e procurar que o talento quede dentro da compañía. Tamén deixou caer que ten un plan b por se os accionistas non aceptan a súa oferta e salientou que esta operación non buscaría beneficios económicos, senón que estaría provocada pola importancia que ten a plataforma «para o futuro da humanidade».
Queda a empresa nunha complicada situación na que haberá que ver se Musk consegue facerse coa compañía ou a OPA hostil non prospera, o que podería prexudicar á súa valoración bolsista no caso de que o millonario decidise desprenderse do seu importante paquete de accións.

Musk aproveitou unha intervención en TED como altofalante para as súas intencións sobre Twitter

PUBLICIDADE