Musk quere que X retransmita o seu combate con Mark Zuckerberg

luns, 7 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Zuckerberg compartiu unha fotografía do seu adestramento en artes marciais mixtas con grandes campións desta disciplina deportiva

O enfrontamento físico entre Elon Musk e Mark Zuckerberg, aínda que parecía unha broma entre os máximos responsables de X e Facebook, parece ir en serio, con afirmacións como Musk asegurando que o combate será retransmitido en directo a través de X, asegurando que os cartos que se recaden co espectáculo irán a parar a organizacións benéficas que coidan dos veteranos de guerra.
A este comentario de Musk respondeu Zuckerberg suxerindo se podían utilizar unha plataforma máis fiable para achegar cartos para unha causa benéfica (non podemos esquecer que o último evento de vídeo en directo que pretendía ter grande público foi un completo desastre por falta de escala dos servidores da compañía, e que no que se refire á xestión económica X practicamente está en bancarrota e vén de anunciar que non cumprirá cos prazos prometidos aos seus usuarios premium máis populares para transferirlle os cartos que lles deben en función á publicidade que xeran as súas publicacións).
Zuckerberg tamén atrévese a pór data para o combate, suxerindo que podería ser o vindeiro 26 de agosto, aínda que engadindo que Musk aínda non aceptou o reto, e asegurando que, aínda que o combate non chegue a realizarse, continuará a adestrar en artes marciais mixtas, pois é un deporte polo que sente paixón.

Musk non cesa nas polémicas

Pero Musk non é quen de estar varios días sen suscitar polémicas en X, e unha das publicacións que pode darlle máis problemas a longo prazo é no que asegura sen matices que «sen fuches tratado inxustamente polo teu empregador por publicar ou dar a gústame a algo nesta plataforma, financiaremos os teus gastos legais. Sen límite».
Esta afirmación de Musk é realmente escandalosa, pois o propio Musk despediu traballadores polo que comentaban en Twitter, e porque é totalmente inverosímil crer que a súa compañía ten fondos para sufragar gastos xudiciais alleos, cando non está a pagar facturas de servizos e alugueres dende que Musk entrou na empresa, no que semella unha táctica para acollerse no futuro á protección por bancarrota.
Pero non só as falsas promesas de Elon Musk están a crear rebumbio, senón que tamén foi realmente indignante o que aconteceu coa conta de usuario @music en X, que veu como a súa conta de usuario era usurpada por parte da plataforma, sen ofrecerlle ningunha compensación, e dándolle simplemente opcións alternativas de posibles nomes futuros para a súa conta. Falamos dunha conta de usuario creada en 2007, e os seus 16 anos de traballo en Twitter pérdense simplemente porque Musk teimou en que a conta de usuario @TwitterMusic pasase a chamarse @Music, ignorando os dereitos dos usuarios e as propias normas da plataforma, que indican claramente que está prohibida a apropiación de nomes de usuario, e só recollen a liberación de nomes en caso de violación das leis relativas a marcas comerciais.
Tras a usurpación da @music, a plataforma continuou a obrar de moi mala fe, ao publicar a través desa conta unha fotografía de Ed Sheeran propocionando o seu álbum X, dando a entender unha mostra de adhesión do cantante coa plataforma de Musk.