Muxía fai gala das posibilidades turísticas das súas pantallas interactivas
luns, 12 de agosto do 2024
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou este 12 de agosto a vila mariñeira de Muxía para, entre outras cousas, comprobar o funcionamento das novas pantallas de información turística que se instalaron no municipio, financiadas a través dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que aportan más 15.000 euros. Fíxoo na compañía do alcalde de Muxía, Iago Toba, con quen se desprazou á oficina de turismo onde está colocada unha destas pantallas, ademais de na Casa do Concello.
María Rivas subliñou o salto tecnolóxico que representan estas pantallas para a promoción turística de Muxía: “Falamos de tecnoloxía ao servizo da actividade turística, o que sen dúbida mellora a posición de Muxía como un dos destinos de relevancia dentro da Costa da Morte”.
Delegada e alcalde salientaron que “as pantallas teñen diversas funcionalidades”, entre as que destaca “a creación de plans turísticos á medida das necesidades da persoa que as emprega ou a dotación de información en tempo real sobre servizos de transporte, aloxamento ou restauración”.
A subdelegada destacou a forte aposta do Concello de Muxía polo turismo, “que agora se reforza con esta iniciativa”.
As pantallas contan tamén cunha función de recollida de datos, polo que o Concello pode conseguir, de maneira anónima, a información e necesidades dos usuarios das pantallas para seguir mellorando na súa oferta turística. A instalación desta tecnoloxía está financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como as obras de accesibilidade ás instalacións da propia Casa do Concello.