NRede acredita xa 18 cabeceiras, con representantes de todas as cidades galegas
mércores, 17 de xaneiro do 2024
- Presentación de NRede, en febreiro do ano pasado
NRede, o rexistro posto en marcha polo Colexio de Xornalistas para garantir o traballo xornalístico das cabeceiras dixitais e facilitar o seu recoñecemento, chega xa aos dezaoito medios acreditados. Así, segundo explica o Colexio, coas novas incorporacións de Ecos da Comarca, Ferrol360 e O Tinteiro xa están representadas todas as provincias e cidades galegas, ademais de distintas vilas. Os medios interesados seguen a poden solicitar a súa inscrición, gratuíta para colexiados e colexiadas.
NRede, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos, foi posto en marcha en febreiro deste ano polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para “pór en valor os medios dixitais galegos fronte á aparición de espazos na Rede que tentan facerse pasar por xornalísticos sen selo”, en palabras do Colexio, que engade, no capítulo de vantaxes, que NRede ofrece á cidadanía “a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais”.
As cabeceiras incluídas en NRede contan cun selo que poden visibilizar nas súas páxinas web, ademais de apareceren na web do rexistro.
Nos últimos meses, foron acreditados co Selo de Medio Dixital Galego as cabeceiras Ecos da Comarca, Ferrol360 e O Tinteiro, que acompañan así La Alacena Roja, Galicia Confidencial, Galiciapress, GC, GCiencia, Lugo Xornal, Mundiario, Pontevedra Viva, Praza Pública, Tempos Dixital, Xornal da Mariña, Xornal de Bueu, Xornal da Coruña, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo, que xa estaban inscritas en NRede.