Na Pobra determinados os vídeos gañadores da segunda edición do concurso Galeguizando TikTok

martes, 6 de setembro do 2022 S. P.

O xurado do concurso Galeguizando TikTok, impulsado dende o Concello da Pobra do Caramiñal para incrementar os contidos en galego nesta popular rede social, reuniuse na tarde do día 31 de agosto para seleccionar os vídeos gañadores da segunda edición desta proposta enmarcada na programación impulsada para festexar o 25 de xullo, Día da Patria Galega, dende a Concellaría da Normalización Lingüística da Pobra do Caramiñal, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG).
Os premios consisten nun lote de produtos culturais galegos e establécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha.
O xurado ditaminou que a distinción “ao vídeo máis orixinal” correspóndese a Cristina Torres Otero; “ao máis creativo”, a Alicia Miguéns Vila; e “ao máis divertido” quedou sen adxudicar.
As pezas audiovisuais presentadas debían estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e seguir o formato da aplicación móbil TikTok.

PUBLICIDADE