Na Rede a media ducia de vídeos premiados no certame Vémolo Nós da USC

xoves, 12 de setembro do 2024 S. P.

A interacción co medio rural, a vida na Universidade de Santiago e a lingua galega son os tres grandes temas que se abordan, con moita orixinalidade e humor, nos seis vídeos galardoados na segunda edición do certame Vémolo Nós, convocado pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación a través do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Na categoría A, sobre divulgación do coñecemento, o primeiro premio foi para un vídeo de Rocío Manteiga Souto titulado Falando de vacas, no que amosa como viven estes animais no rural galego e a importancia de darlles nomes, como factor que inflúe no seu benestar. O vídeo finalista nesta categoría é de Daniel Abella López e Adrián López Teijeiro, que elaboraron unha peza titulada A biotecnoloxía no rural galego, na que expoñen unha serie de avances que se aplican na actualidade nese eido.
Obtivo o primeiro premio na categoría B, que ten como lema Descubrindo a USC, o vídeo Homenaxe a Carolina, de Iria Losada Rodríguez, dedicado á gata da Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur compostelán. Foi finalista Dende o SEPIU, de Cecilia Álvarez Corujo, David Marante Manteiga, Paula Martínez Collazo e Sara Rodríguez Ourille, unha peza na que presentan os membros do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) cunha estética inspirada nas películas de axentes secretos de mediados do século XX.
E na categoría C, co lema Protagonista: o galego, recibiu o primeiro premio Iker Fernández Villar polo audiovisual Aaron Bennett Kleinschmidt, un estadounidense aprendendo galego, no que se mostra como este mozo e profesor se achega á cultura galega a través da lingua. Foi finalista Falar galego é de balde de Irimia Pérez Sánchez e Manuel García Amado, no que recollen unha serie de ditos galegos apropiados para distintos situacións, como os populares “Marcho que teño que marchar” ou “Chegar e encher”.
Segundo lembran dende a USC, o concurso Vémolo Nós pretende “fomentar o uso do galego como lingua de divulgación científica no audiovisual e busca constituír un compendio de materiais audiovisuais útiles para a docencia no ámbito universitario e para que o profesorado teña como referentes produtos audiovisuais de calidade á súa disposición que sirvan de modelo para a creación deste tipo de materiais”.
Tanto o audio coma os textos que inclúen os audiovisuais están en lingua galega e cada unha das tres pezas galardoadas reciben como premio 1.500 euros e as finalistas 300 euros.
Todos estes contidos pódense visualizar na canle específica de Vémolo Nós en Youtube.