Na Rede as contribucións gañadoras do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco

venres, 4 de xullo do 2025 S. P.

As instalacións de CLUN en Ames convertéronse este venres 4 de xullo no escenario da entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco, convocados pola marca de leite no mes de maio para celebrar o Día da Letras Galegas. Un acto no que se celebrou o poder da palabra de todas as persoas participantes e que contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Patricia Miño, presidenta de Xacarandaina e o equipo directivo de CLUN. Destacar que o eixe da iniciativa foi a web Vive Feiraco, na que podemos ler as contribucións finalmente gañadoras.
Este certame, xa consolidado no panorama cultural galego, propuxo nesta edición crear historias arredor da figura das cantareiras e da poesía tradicional, achegando a alma e esencia da música galega a todas as xeracións. A proposta inspirou a decenas de participantes, que souberon dar voz a todas esas mulleres que mantiveron viva a música e a lingua galega ao longo da historia.
“É un orgullo ver como cada ano Feiraco é capaz de conectar xeracións a través da escrita”, sinalou a directora de mercadotecnia e comunicación de CLUN, Jessica Rey, que puxo en valor esta iniciativa, “coa que demostramos, unha vez máis, que a literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura, coa que a marca Feiraco está completamente comprometida”.
Na súa intervención, García salientou que iniciativas como as de Feiraco “demostran a implicación e compromiso dos sectores económicos na difusión da cultura e linguas galegas”. Neste senso, animou a máis empresas e entidades do eidos socioeconómico de Galicia á incorporación do galego nas súas estratexias, “ao abeiro das vantaxes do futuro selo de recoñecemento do compromiso de uso e boa práctica da nosa lingua”.
Os relatos premiados
Os relatos premiados recollen palabras nas que brilla a tradición e a creatividade. Na categoría xuvenil, resultaron galardoadas Adriana González, Adara Soto e Gabriel Capón, todos eles estudantes do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. Adriana emocionou co seu relato Habelas hailas, unha homenaxe ás avoas e ás súas historias. Adara ofreceu unha poderosa visión sobre a violencia de xénero en Dunha pandeireta engailoada, onde a música se converte en refuxio. Pola súa parte, Gabriel presentou O cazador e a presa, un texto que fai que o lector se mergulle no silencio do monte e a dureza da caza.
Na categoría de adultos, Ramón Domínguez, de Fene (A Coruña), destacou con Carmela, onde a protagonista intenta interpretar os sentimentos do seu namorado a través dos ferreños da súa pandeireta. Pola súa parte, Tomás Rodríguez, de Monforte de Lemos (Lugo), en Campo de artistas, recreou a vida dunha moza muda do Courel que logra cantar grazas a tocar a pandeireta, quedando para sempre a súa esencia no corpo e alma das persoas. Por último, Gemma Rojo, de Saviñao (Lugo), contou a historia dunha rapaza que, tras perder a súa pandeireta por unha cornada de vaca, crea outra coa tapa dunha pota e acaba conquistando os escenarios do país.
Os premios consistiron nunha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, ademais dun lote de produtos da marca. Ao remate, as persoas premiadas tiveron a oportunidade de visitar a fábrica láctea de Feiraco, coñecendo de preto o labor dunha marca que segue consolidando a súa aposta pola defensa da lingua e a cultura galega.