Na Rede toda información sobre o novo Nomenclátor de Galicia
martes, 31 de marzo do 2026
O Consello da Xunta deste 31 de marzo aprobou a proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia (NG) de 2003, que a Real Academia Galega lle presentara á Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia o pasado 18 de xullo. A ratificación supón o visto bo final ao traballo dos especialistas do Seminario de Onomástica da RAG. O documento, habilitado en liña, incorpora 1.665 nomes, ata chegar aos 42.909 topónimos que designan os 313 concellos de Galicia, as súas parroquias e mais os lugares ou entidades de poboación.
Canto aos cambios, tras o estudo detallado de 4.398 casos, a Academia propuxo realizar cambios nuns 2.531 topónimos. Catorce corresponden a nomes de concellos, 12 tras as fusións, 182 ditames son sobre nomes de parroquias ou as súas advocacións e os demais 2.335 casos corresponden a nomes de lugar ou entidades de poboación. Todos os detalles das modificacións poden consultarse no volume habilitado na sección de publicacións de academia.gal.
Cambios nos nomes de concellos
O Seminario de Onomástica ditaminou modificar os nomes dunha ducia de municipios, catorce no Nomenclátor de 2003, que non contemplaba aínda a posterior fusión de Cerdedo e Cotobade e mais de Oza dos Ríos e Cesuras. Para adaptárense ás Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, pasan a ser Cerdedo Cotobade e Oza Cesuras, sen guión, signo que tamén perde Mondariz Balneario. Alén destas cuestións ortográficas, o concello ourensán rexistrado ata o momento como Riós será definitivamente O Riós, en consonancia coas súas atestacións históricas e co uso que a poboación fai do artigo; o coruñés Porto do Son incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, algo que tamén acontece con O Campo Lameiro, A Ribeira de Piquín e O Castro de Caldelas. O contrario sucede con Pastoriza, que deixa atrás o artigo; Cangas engade o “apelido” e pasa a ser Cangas de Morrazo; A Cañiza restitúe a forma galega tradicional documentada desde antigo, A Caniza; e Alfoz recupera o seu nome histórico, Alfoz do Castrodouro.
Inclusión e exclusión de topónimos
Respecto da eliminación ou inclusión de novos topónimos, no Nomenclátor de Galicia actualizado figurarán 7 parroquias máis ca na versión de 2003. Unha delas é A Coruña, que se refire en termos administrativos a todo o núcleo urbano da cidade do mesmo nome; outra é Os Tilos, en Teo; dúas pertencen a Narón, Xuvia (Santa Icía) e Xuvia (San Martiño); e as demais son Santo Estevo e Teixeira, en Baralla; e Sevane, en Navia de Suarna.
Danse ademais de alta 1.658 lugares. Algunhas incorporacións corresponden a novas entidades de poboación, se ben a maioría son nomes de aldeas con moi poucos habitantes que se incorporan á nova listaxe autonómica grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, o proxecto da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas, mais que tamén serve de apoio de cara á corrección do Nomenclátor.
Hai así mesmo 111 novos lugares que responden á existencia de núcleos de casas co mesmo nome pero diferenciados por adxectivos ou locucións adverbiais (de Arriba, de Abaixo...); 33 son correccións na asignación de parroquia ou concello; e por último, 9 son lugares compartidos entre dúas parroquias, cando no NG 2003 só figuraban incluídos nunha delas.
Os concellos que máis entidades de poboación rexistran por primeira vez no novo Nomenclátor de Galicia son Foz (176), Lourenzá (56), Narón (53), Ourol (49) e Pontevedra (47). Chaman tamén a atención outros casos como o do Porto do Son, con 37 entidades de poboación máis, entre elas A Beira, O Campo, A Carballa, O Castro, Comandín, A Cascoña ou As Crabeiras.
No que atinxe ás baixas, elimináronse 8 parroquias e 155 entidades de poboación que figuraban no NG de 2003, gran parte delas por seren lugares adscritos a unha parroquia errónea (80) ou porque son nomes de terras, de avenidas, de rúas, de prazas, de aldeas asolagadas ou desaparecidas.
O Nomenclátor de Galicia: unha obra en constante renovación
A RAG lembrou nun comunicado que a revisión do Nomenclátor de Galicia é “un traballo aberto, inacabado, pois tense constancia dun bo número de lugares das provincias de Ourense e Pontevedra que aínda non figuran no Nomenclátor e que están pendentes de estudo”. En vindeiras edicións está ademais previsto facer unha revisión exhaustiva dos topónimos referidos aos barrios urbanos das cidades e vilas para valorar a súa inclusión neste documento oficial coa toponimia maior de Galicia.
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega agarda que as próximas modificacións sexan aprobadas de forma periódica, contando idealmente cunha nova versión do Nomenclátor cada ano que corrixa oficialmente con axilidade as constantes correccións de imprecisións detectadas, mais que tamén responda á nova realidade urbana en constante transformación, como xa se fixo para o caso do concello da Coruña, onde desenvolvementos urbanos como o recente Polígono de Visma implicaron a desaparición de dúas entidades de poboación, O Barral e O Coidal. Outras entidades tamén eliminadas na Coruña son O Corgo, desaparecida ao se construír o actual parque de Oza, ou Carracedo e As Cernadas, en Mato Grande. No lado oposto figuran entidades de poboación de nova creación que se engaden ao Nomenclátor, como O Monte Alfeirán ou O Monte de Mero, onde se prevé o desenvolvemento de novos espazos urbanos.
