Na Rede todo o que precisamos saber sobre a nova edición do Premio Manuel Beiras

venres, 3 de decembro do 2021 S. P.

O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago recuncan un ano máis co Premio Manuel Beiras, que chega á súa 22 edición co obxectivo renovado e fortalecido de distinguir o compromiso co galego das empresas locais.
Neste 2021, as accións publicitarias dos premios xiran arredor do lema Ti tes o poder e buscan resaltar a capacidade do público consumidor para influír na escolla lingüística dos negocios, á vez que lles explica a estes que elixindo galego están dándolles valor estratéxico. Este xoves 2 de decembro a nova edición foi presentada en rolda rolda de prensa polo o concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, e Xavier Freire Chico, membro da dirección da Cámara de Comercio. O eixe que vertebra a campaña é novamente a web premiosmanuelbeiras.gal, onde podemos atopar as bases da convocatoria, información complementaria, vídeos e un histórico dos premios durante estes anos.
O prazo para presentar candidaturas está aberto até o vindeiro 12 de decembro.
A proposta debe achegar información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse á iniciativa galegoempresas que, ademais de incluír un autodiagnóstico, contribúe á súa difusión pública. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita.
A convocatoria dese ano rematará co habitual acto de entrega dos premios ás empresas que o xurado elixa. Está previsto para o 20 de decembro no Teatro Principal, ás 20 h, espazo referencial da cidade que "estreamos como escenario dos premios na convocatoria aniversario”, sinalaron no acto de presentación. A gala estará conducida polo actor, guionista e monologuista Federico Pérez.
Premio Manuel Beiras
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio manteñen desde o ano 2000 un acordo de colaboración para convocar cada ano os Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación.
Ao longo das edicións anteriores galardoáronse empresas dos máis diversos sectores e tamén se recoñeceu a achega de persoas e entidades que contribuíron dalgún xeito á normalización da lingua no ámbito socioeconómico. Na edición 2019, os premios chegaron ao Teatro Principal para celebrar o seu vixésimo aniversario cunha gala onde se fixo memoria dunha xa asentada traxectoria.

PUBLICIDADE