Na Rede todo o que precisamos saber sobre o Premio Manuel Beiras (Santiago)
luns, 17 de novembro do 2025
A Cámara de Santiago e o Concello presentaron este 17 de novembro unha nova edición dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa, baixo o lema O galego é o punto. Estes galardóns, explicaron, teñen como obxectivo “achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial, como eido de gran relevancia no proceso de normalización do uso social da lingua galega”.
Preténdese así contribuír á difusión das boas prácticas comunicativas en galego e poñer de manifesto as vantaxes de incorporar a nosa lingua para o sector socioeconómico, así como dar a coñecer e espallar a utilidade que ten o galego, tamén como lingua instrumental no ámbito mercantil.
Pola súa vez, coa denominación destes premios, quérese lembrar a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García (1904-1996), destacado defensor da nosa cultura e da nosa lingua, que foi membro das dúas institucións organizadoras. Pode concorrer a este premio calquera empresa, do sector que sexa, grande ou pequena, que se radique no municipio santiagués ou teña nel unha presenza importante. A candidatura será presentada pola propia empresa ou suxerida por outra persoa ou entidade allea durante todo o ano. Prevense tres categorías; empresa cun uso continuado da lingua galega, empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega, empresa innovadora no uso do galego.
A convocatoria estará aberta ata o día 21 de novembro e as bases poden consultarse na web premiosmanuelbeiras.gal Durante as semanas previas á entrega dos premios, estase a desenvolver unha campaña arredor do lema O galego é o punto co obxectivo de difundir a convocatoria e as mensaxes do premio, así como para animar as empresas a que presenten as súas candidaturas.
A proposta debe achegar información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a web galegoempresas.gal, na que poden completar un autodiagnóstico e tamén poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua do Concello en dlg@santiagodecompostela.gal. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita.
A convocatoria deste ano rematará coa entrega dos premios ás empresas galardoadas, nun acto que terá lugar o vindeiro 1 de decembro ás 20 horas no Teatro Principal. A gala estará conducida por Marga Pazos.
