Na Rede todo o relativo ao terceiro encontro do festival de poesía Alguén que respira

luns, 20 de setembro do 2021 S. P.

Este 21 de setembro inaugúrase en Santiago o terceiro encontro (dun total de catro, cada un coincidindo cos días 21 de solsticios e equinoccios anuais) do festival de poesía Alguén que respira! O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, asistiu na mañá deste día 20 á presentación desta importante cita creativa, que vén co engadido extra de achegar unha axenda liderada por mulleres, todas elas reivindicando o poder da palabra e as importantes voces femininas coas que contan as nosas letras. Farano dende lugares históricos da capital galega a reivindicar e tamén dende a Rede (tanto na web do certame, como na páxina cultural do Concello de Santiago como no Portal da Lingua).
Na cita deste luns cos medios de comunicación tamén participaron, amais de Valentín García, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e Antón Lopo, poeta e director do festival.
Segundo fixeron saber, logo dos encontros de marzo e de xuño pasado, esta terceira entrega do festival arranca con dúas accións poéticas de estéticas moi marcadas. O ruído do lume (A palabra en combustión de dez poetas galegas) é o título do recital que acollerá o Teatro Principal este martes a partir das 19.30 horas. Intervirán Alba Cid, Andrea Nunes, Miriam Ferradáns, Yolanda Castaño, Elvira Ribeiro, Eva Veiga, Olga Novo, Chus Pato, Luz Pichel e Luz Fandiño.
As persoas interesadas en asistir a esta primeira xornada deberán retirar as entradas o propio día na Sala C da Praza de Cervantes (de 11,00 a 14,00 h ou a partir das 16,00 h), na páxina web de Compostela Cultura ou no despacho de billetes do propio Teatro Principal a partir das 18.30 h. As entradas serán gratuítas e non permiten reserva previa.
Para a segunda xornada, o mércores día 22, o festival recupera a sección Atravesei a cerca, que esculcará outros recantos da cidade. O percorrido comezará no xardín do restaurante A Maceta ás 19:30 horas cos versos de Séchu Sende e continuará na terraza do centro sociocultural da Trisca co performer e activista aragonés Javier Peñafiel. A terceira entrega do festival rematará co recital da poeta navarra Castilo Suárez no museo de Berto Leis, da rúa Pablo Leis. As 25 prazas dispoñíbeis para asistir distribuiranse por orde de chegada ao xardín da Maceta.
Alguén que respira! é unha iniciativa do Concello de Santiago en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para apoiar a poesía en todas as súas expresións.
Baixo a dirección do poeta monfortino Antón Lopo, este ano chega á súa cuarta edición, articulada de maneira excepcional ao longo do ano en catro citas que coinciden sempre cos solsticios e equinoccios. O pasado 21 de marzo, Día Mundial da Poesía e equinoccio de primavera, quedou inaugurada a primeira xornada, + ou – 21 (anos), cun manifesto de Manuel Rivas. A segunda celebrouse o 21 de xuño coincidindo co solsticio de verán. O festival do 2021 clausurarase o próximo 21 de decembro tras un ano de actividade.

PUBLICIDADE