Nace Embaixada.gal co fin de crear unha comunidade virtual para a nova emigración

venres, 20 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Temos na Rede, a toda vela, unha nova plataforma para facer comunidade galega no mundo e para que esa comunidade na diáspora sexa tamén un punto de axuda para todos os demais colectivos en tránsito e/ou afastados da súa terra de orixe. Estamos a falar de Embaixada.gal, plataforma informativa e participativa por un grupo de galegas e galegos migrantes e non migrantes dende a que queren fornecer unha comunidade virtual e “facilitar un punto de encontro, apoio e orientación para galegas e galegos da diáspora do século XXI”. A web, a súa ferramenta para pechar fileiras e coller impulso, comparte coa asociación a vontade de “ser global, políglota, moderna, tecnolóxica e innovadora”.
A comunidade, baixo a súa arela de medrar e de ser colaborativa, está nestes intres facendo un chamamento para recibir propostas, divulgalas e poñer solucións ás inquedanzas do colectivo emigrante galego. “Queremos ser o voceiro da nova emigración sen esquecernos da máis vella. Somos un aire novo envolto en experiencia”, explican as impulsoras e impulsores do colectivo, mostrando un ideario que é extrapolábel, punto por punto, á actividade do embaixada.gal.
A plataforma, para quen queira saber máis detalles sobre o seu funcionamento e obxectivos, está estes días presentándose en Santiago, nos actos de presentación (no Centro Sociocultural do Romaño) doutra plataforma, o proxecto ONDA, o Observatorio da Nova Diáspora (programa en PDF).
Entre os principais obxectivos da Embaixada.gal figuran os seguintes: promover o coñecemento de Galicia e a súa cultura internacionalmente, fomentar o uso do galego coma lingua habitual entre a comunidade galega no exterior ou crear unha comunidade virtual que sexa “a referencia para a nova emigración e punto de encontro entre as distintas xeracións de emigrantes”. Tamén se busca (entre outras cousas) promover e establecer nexos de unión entre todos os membros independentemente da situación xeográfica e, tamén, coordinar e canalizar as relacións con tódolos organismos estatais e autonómicos, tanto públicos como privados, especialmente coa Xunta de Galicia e a Unión Europea.

PUBLICIDADE