Nace Redelibros, a primeira rede social galega para seareiros da literatura

mércores, 10 de novembro do 2010 Raquel Noya

O vindeiro venres, día 12 de novembro, a taberna-taller Detrás do Marco de Vigo, vai dar acollida á presentación da rede social galega do libro, Redelibros, unha ferramenta en liña creada no noso país na que os seareiros á lectura atoparán outros internautas cos mesmos gustos e afeccións ca eles e cos que poderán intercambiar opinións, experiencias, lecturas, intereses...
O acto de inauguración contará con música en directo, a actuación do contacontos Anxo Moure (que está desenvolvendo un orixinalísimo labor por Galicia adiante a cabalo da súa ciclobiblioteca) e os suculentos petiscos saídos da cociña de Detrás do Marco.
Asemade, para ir entrando en materia, o persoal responsable do acto, recoméndalle ás persoas asistentes, que leven libro do seu gusto para intercambiar con outros lectores, nun mercadiño de troco de libros que se organizará ao final da xornada.
Redelibros é unha rede social galega cunha peculiar característica: foi deseñada para crear en Internet un espazo cultural común, construído para dar acollida a todo o universo do libro no noso país.
Esta plataforma cultural ten como obxectivo pois, reunir a escritores, editores, libreiros, bibliotecarios e sobre todo lectores nun mesmo espazo virtual, onde o único que importa é o amor pola literatura que comparten todos eles.
Atopar outros lectores cos nosos mesmos gustos, buscar información sobre as nosas vindeiras lecturas, deixar comentarios sobre o que temos lido, recomendar libros, crear as nosas propias bibliotecas virtuais, estar ao día de todo canto acontece no mundo do libro, asistir a relatorios de escritores... son entre outras, as actividades que nos permite realizar esta plataforma en liña, coa comodidade de non ter que sair das nosas casas para atopar lecturas de calidade.
Porén se algo lle pode gustar a aqueles internautas que algún día soñaron con seren grandes escritores é a sección que permite publicar os nosos propios escritos, ben sexan relatos, poemas ou mesmo novelas, onde, asemade, podemos recibir valoracións, críticas e opinións que retroalimenten o noso proceso creativo.
Outra peculiaridade desta plataforma en liña é que cada usuario constrúe o seu propio espazo personalizado ao máximo, decide que compartir e que non, intégrase nos grupos que desexa ou crea os seus propios... en resumidas contas, esta rede social é a primeira no noso país que busca abrir un espazo galego de literatura en Internet, un lugar de encontro, visible e dinámico, levantado entre todos e deseñado para un mesmo.
Porén a cousa non queda só na rede social; Redelibros está formada tamén por unha plataforma de difusión do libro, tanto electrónico como en papel, que abrirá as súas portas nuns meses.
Como tal, agrupa a un número crecente de librerías que, segundo apuntan os seus creadores, “fanse visibles deste xeito, para poder comercializar os seus libros na Rede“.
Xa que logo, esta ferramenta permitiralle aos usuarios entrar en calquera das librerías asociadas e descargar obras para eReaders, teléfonos móbiles, tablets, ordenadores, iPads... ou mesmo acceder a obras en papel e adquirilas para que seren recibidas por correo postal.

PUBLICIDADE