Nace Vega, o software galego que quere revolucionar a protección das vítimas de violencia machista
mércores, 25 de xuño do 2025
A Zona Franca de Vigo acolleu este mércores 25 de xuño a presentación de Vega, unha aplicación para incrementar a protección das vítimas de violencia machista. A ferramenta usa Intelixencia Artificial para identificar patróns de risco na contorna conversacional, sen requirir que a vítima interactúe directamente co dispositivo en situacións críticas.
Os seus creadores son dous axentes da Policía Local de Vigo con décadas de experiencia operativa e dous investidores tecnolóxicos radicados en Suíza. Atópase en fase avanzada de probas piloto e, segundo indicaron os seus creadores, espertou o interese de institucións públicas, corpos de seguridade e entidades especializadas na atención a vítimas.
Ofrécese a posibilidade de que a vítima personalice a interface da app para evitar que o agresor poida recoñecela.
Segundo explicaron con máis detalle, “Vega é un recurso tecnolóxico revolucionario para a prevención e a reacción fronte á violencia machista que se fan especialmente necesarias en casos nos que o medo ás reaccións do agresor e o temor das vítimas de non ser cridas frean as necesarias denuncias”.
David Calvo Estévez, Manuel Montenegro, Rubén Gardón e Jorge Fernández son os creadores deste proxecto que busca dar maior soporte ás vítimas cunha operativa fácil de manexar e discreta. Ao acto asistiron David Regades (delegado especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo), o alcalde de Vigo Abel Caballero, e as concelleiras do Concello de Vigo Carmela Silva e Ana Laura Iglesias, Yolanda Aguiar, así como colectivos e asociacións vinculados á loita contra a violencia de xénero.
A aplicación, sinalaron os seus creadores, “nace co propósito de reducir ao máximo o tempo de reacción policial, facilitar a obtención de probas e apoderar ás vítimas”.
“Coñecemos de primeira man as limitacións do sistema actual”, sinalaron os responsables do desenvolvemento, indicando neste senso que “Vega non é só un produto tecnolóxico; é unha ferramenta nada da experiencia real e cun enfoque humano e preventivo”.
Vega estrutúrase en dúas fases clave: a fase preventiva (con asistencia informativa inmediata sobre os pasos para seguir en diferentes situacións, consultas con resposta automática en formato escrito, comunicación discreta e directa con autoridades competentes e posibilidade de instalarse en móbiles ou reloxos sen deixar rastro visible -e sen que exista necesidade de ordes de protección nin trámites previos para ser utilizada-) e a fase reactiva (activación automática ante situacións de risco, mesmo cando a vítima sufra inmobilidade tónica; apertura do micrófono do dispositivo, enviando a localización GPS e gravando a contorna en tempo real, enviando esta información a unha Central Receptora de Alarmas; e xeración dun arquivo dixital seguro que facilita a denuncia e conserva probas válidas para o proceso xudicial).
A aplicación usa Intelixencia Artificial para identificar patróns de risco na contorna conversacional, sen requirir que a vítima interactúe directamente co dispositivo en situacións críticas.
“Vega”, sinalaron os seus creadores, “non só pretende asistir no momento da agresión, senón crear un ecosistema de apoio que restaure a dignidade e a seguridade das mulleres; ademais o seu deseño accesible e a súa posta en marcha sinxela fana compatible con distintos contextos legais e realidades sociais”.
Actualmente, atópase en fase avanzada de probas piloto e espertou o interese de institucións públicas, corpos de seguridade e entidades especializadas na atención a vítimas.
