Nace en Lugo RedTicos, unha rede social especializada en novas tecnoloxías

martes, 29 de marzo do 2011 Raquel Noya

A Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) vén de botar man de Internet para poñer en contacto a todas as persoas relacionadas coas novas tecnoloxías no noso país, e faino a través dunha rede social de seu:RedTicos, creada dende Lugo coa finalidade de “serlle útil a millóns de cidadáns e cidadás”.
O departamento de proxectos de AGESTIC apostou por un deseño innovador e funcional, porén sen deixar de lado a súa accesibilidade, ao cumplir as Normas W3C, que regulan o deseño, a usabilidade e a accesibilidade das plataformas web para que non teñan obstáculos para a persoas con discapacidade.
En palabras do presidente da entidade, José María López Bourio, “RedTicos aspira a ser a rede social de usuarios, profesionais e empresas relacionadas coas tecnoloxías e Internet en España e Iberoamérica” ao que engadiu que “sen dúbida será a rede de referencia TIC no mundo que fala español”.
A ferramenta aproveita as vantaxes das redes sociais para que as empresas usuarias poidan reforzar a súa imaxe pública ao tempo que anuncian os seus produtos, novidades, aplicacións e servizos de maneira totalmente gratuíta; asemade, permite que empresas e profesionais TIC estén en contacto permanente e cheguen a acordos de colaboración no sector tecnolóxico.
Durante a súa presentación, López Bourio explicaba que un dos retos das redes sociais verticais como RedTicos, “é o de descubrir o seu propio modelo de negocio e facelo rendible”; para isto, engadiu, “a clave está en aunar modelos de negocio tradicionais co mundo online, de tal maneira que empresas, profesionais e usuarios se atopen a gusto nela, porque lles resulta útil e rendible”.
No tocante aos detalles técnicos, a ferramenta virtual destaca por ter altos niveis de accesibilidade, seguridade e privacidade, así como por contar con redifusión RSS tanto para os contidos xerais da Rede como un RSS independente para cada un dos blogs dos seus usuarios.
O seu deseño foi realizado de tal maneira que poida ser compatible co maior número de navegadores posible e as ligazóns están correctamente definidas e explicadas con texto descriptivo.
RedTicos dispón de iconas rápidas para compartir ou recomendar contido nas principais redes sociais e conta cun sistema Facebook Connect que permite usar a conta de Facebook para conectarse a RedTicos, facendo máis doado e rápido o rexistro e acceso á rede.

PUBLICIDADE