Nace en Vilagarcía a asociación Dronámbulos
martes, 30 de xullo do 2024
O Concello de Vilagarcía acolleu os días pasados a presentación pública de Dronámbulos, unha asociación centrada no uso e manexo de drons, tanto con fins lúdicos como profesionais. Este novo colectivo xurde como iniciativa do grupo de persoas que participou no curso de pilotaxe de vehículos aéreos non tripulados organizado hai uns meses pola Concellería de Emprego do Concello no marco da súa estratexia de proporcionar formación en novos eidos de actividade e tecnoloxías para favorecer a saída laboral nestes novos nichos de traballo.
Ademais da directiva da asociación, asistiron ao acto o alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Emprego, Álvaro Carou.
Recentemente constituída e coa xunta directiva formada, Dronámbulos márcase como primeiro obxectivo captar novos socios entre todas aquelas persoas que desexen afondar no coñecemento e no uso destes aparellos tecnolóxicos, así como nas posibilidades que ofrecen tanto para empresas, como para institucións, e tamén a título persoal, dende o punto de vista profesional ou simplemente de divertimento.
Segundo explicaron, unha das súas principais funcións será a de informar aos interesados sobre a normativa existente respecto ao uso de drons, os requisitos que se deben cumprir para poder manexalos e a formación coa que se debe contar para facelo, “porque un dron non pode pilotalo calquera, nin en calquera lugar, e córrese o risco de que te multen”, explicou Silvia González, membro da xunta directiva.
Dronámbulos está ultimando a súa páxina web, dende a que se ofrecerá todo tipo de información sobre a asociación e os servizos que prestará: información e asesoramento, formación, prácticas, actividades lúcidas e tecnolóxicas para nenos e adultos, obradoiros de tecnoloxía, toma de imaxes aéreas ou realización de audiovisuais.
A asociación vén de poñen en marcha unha campaña de captación de socios cun 30% de desconto ás 25 primeiras persoas que se anoten, que pagarán só 12 euros dos 36 euros da cota anual.
Como remate á presentación de Dronámbulos, o alcalde apuntou que dada a excelente acollida do primeiro curso organizado dende o Concello, xa está prevista a realización dunha segunda edición para continuar formando a xente no uso de drons “dadas as grandes posibilidades laborais que ofrece esta nova tecnoloxía en ámbitos tan dispares como a seguridade, as emerxencias, a publicidade, o cine…”.
