Nace na USC a Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial

martes, 1 de xullo do 2025 S. P.

As e os impulsores da rede diante da Facultade de Filosofía da USC nunha imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago acolleu este venres 27 de xuño o acto de constitución da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial, que nace con vocación interdisciplinar xuntando nun mesmo marco de traballo máis de cen investigadoras e investigadores de todo o Estado interesados nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA.
A sesión constitutiva tivo lugar na propia Facultade de Filosofía, cuxo decano Xavier Donato é promotor desta iniciativa que fixará a súa sede en Compostela e que organizará o primeiro congreso nacional de filosofía da IA.
A Rede engloba varios grupos de investigación especializados en áreas como a filosofía pero tamén de ciencias da comunicación, da educación, a filoloxía, a psicoloxía, o dereito, a antropoloxía e, naturalmente, a propia investigación en IA.
Na sesión de apertura deste venres aprobáronse os estatutos e debateuse sobre as primeiras iniciativas da Rede, que ten entre os seus obxectivos principais a promoción e difusión dos estudos filosóficos sobre Intelixencia Artificial (IA) desde distintas perspectivas, fomentando o diálogo intelectual e o intercambio do coñecemento, así como trasladar os seus debates e conclusións ao conxunto da sociedade española.
Para a consecución destes retos organizará reunións científicas de todo tipo con especialistas de múltiples áreas de coñecemento e ten previsto presentarse ás convocatorias competitivas que teñan como obxectivo o financiamento de proxectos e grupos de investigación no ámbito de estudo.
Entre os seus cometidos tamén figura o impulso da transferencia do coñecemento filosófico sobre a IA cara á sociedade, ás institucións educativas, aos medios de comunicación, ao sector tecnolóxico e aos responsables políticos, “contribuíndo así a un debate público informado e a unha toma de decisións máis crítica e fundamentada", explicaron os seus impulsores.