Nace na USC a primeira cátedra de España centrada na IA e na medicina personalizada de precisión
venres, 30 de maio do 2025
- Presentación da Cátedra nunha imaxe de Santi Alvite
Esta semana materializouse na USC a que sería a primeira Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA) de España, a única de todo a xeografía estatal que focalizaría esforzos na IA aplicada á medicina personalizada, segundo indicaron fontes da Universidade de Santiago, engadindo que o seu obxectivo é xerar nos vindeiros catro anos novo coñecemento a través do uso de tecnoloxías intelixentes e a explotación avanzada de datos médicos para mellorar a toma de decisións clínicas.
Detrás deste proxecto atópanse a USC e a empresa tecnolóxica Plexus Tech, sendo o líder da iniciativa o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). “Queremos situar Galicia e España á vangarda da aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito sanitario”, destacou no acto o reitor da USC.
Antonio López Díaz puxo en valor “a colaboración público-privada”, así como “a conexión que no seo da Universidade se tece entre a investigación científica, moi especialmente a que se está a facer no ámbito da Intelixencia Artificial, sumándolle as potencialidades da investigación biosanitaria”. Segundo engadiu “a aplicación da IA ao eido da medicina permítenos xestionar unha inmensidade de datos sobre cada persoa para afinar os diagnósticos, os tratamentos e mellorar, en definitiva, a calidade de vida das persoas, algo que sería inimaxinable a través das vías tradicionais. Ese manexo de datos só é unha realidade aplicando ferramentas de Intelixencia Artificial”, destacou o reitor.
A cátedra, financiada con 1,2 millóns de euros, conta co respaldo do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, cunha achega próxima aos 900.000 euros. Está creada no contexto da candidatura da USC ás axudas para a creación das Cátedras ENIA, convocadas pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, no marco da Axenda España Dixital 2025, e do Compoñente 16 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Entre as liñas de investigación de CAME&IA destacan a aprendizaxe automática e modelos preditivos para a personalización de tratamentos, o procesamento de imaxes médicas e análises de sinais biomédicos, ou a integración de datos multimodais para mellorar diagnósticos e tratamentos.
O proxecto conta cun comité de garantes formado por referentes en investigación biosanitaria e tecnoloxía procedentes non só do CiTIUS (centro singular da USC que as persoas participantes na presentación visitaron ao finalizar o acto) senón tamén do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Ademais, colaborará co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e con diversos axentes públicos e privados do sector da saúde.
Alén da súa actividade investigadora, a cátedra desenvolverá unha ampla programación formativa, con especial énfase nos aspectos éticos e legais do uso da IA en medicina. A transferencia de coñecemento á sociedade e a colaboración con centros estatais e internacionais serán aspectos clave na súa folla de ruta. Esta cátedra universidade-empresa representa unha aposta a longo prazo para a integración do coñecemento dos profesionais das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), a investigación en saúde e a medicina asistencial.