En marcha o Rexistro Sonoro de ARDE, unha iniciativa da Asociación Galega de Deseño
mércores, 3 de xullo do 2024
A plataforma ARDE, o Arquivo do Deseño Galego, presenta unha nova iniciativa: o seu Rexistro Sonoro en formato podcast “para dar voz e conservar as reflexións de profesionais do deseño galego”.
Trala boa acollida que tivo o lanzamento de ARDE, a principios de 2023, o equipo do Arquivo abriu unha nova etapa no proxecto, pensando en ampliar e diversificar os contidos publicados na web arde.gal. A iniciativa do Rexistro Sonoro xorde dunha proposta dos socios da DAG, Adrián Parcero e Dani Bembibre, e conta co apoio e financiamento da Asociación Galega de Deseño no seu lanzamento.
O Rexistro Sonoro de ARDE publicará un capítulo mensual, no que poderemos escoitar as voces de deseñadoras e deseñadores para coñecer as súas reflexións sobre a profesión. “A historia do deseño galego preséntase así en primeira persoa, deixando constancia da realidade do deseño hoxe e legando coñecementos e experiencias para o futuro”, explican dende a asociación, engadindo que “no primeiro capítulo o deseñador gráfico coruñés Álvaro Valiño ofrece a súa visión do deseño e fala do seu eido de especialización, a infografía”.
O grupo de traballo de ARDE, integrado actualmente polas socias María Agra, Raquel Boo, Ana Besada, Samuel, Baltar, Óscar Otero e María Ramos, conta para esta nova sección co equipo de produción do podcast. Pablo Silva é o responsábel da dirección e guión do Rexistro Sonoro, e David Santos o encargado de montaxe e edición, contando ademais coa colaboración especial de Lucía Aldao á voz.
A páxina web de ARDE conta cunha nova sección na que poder escoitar todos os capítulos do Rexistro Sonoro, que tamén estarán dispoñíbeis na plataforma Spotify. A nova gráfica e desenvolvemento da web é obra do estudio vigués Desoños.
O Arquivo do Deseño Galego ARDE é unha iniciativa da DAG Asociación Galega de Deseño, que busca funcionar como plataforma dixital para a documentación da historia do deseño galego, facilitando a investigación, a preservación e o estudo do noso patrimonio histórico.
Segundo explican dende a asociación, o sitio web tivo máis de 30.000 visitas dende o seu lanzamento en febreiro de 2023. Ademais, engaden, a base de datos de recursos conta hoxe con preto de 150 referencias bibliográficas e máis de 200 entradas con fontes de documentación sobre a historia do deseño galego. Inclúense máis de 180 autorías diferentes e unhas 90 editoras. Atopamos ao redor de 150 nomes de deseñadoras e deseñadores en disciplinas como o deseño gráfico, o deseño industrial e de produto, o deseño dixital, o deseño de espazos e o deseño de moda.
“ARDE nace coa vontade de converterse, no futuro, nun Arquivo do Deseño Galego que documente e catalogue pezas relevantes da nosa historia”, explican dende a asociación, engadindo que “o equipo de ARDE anima a colaborar co Arquivo, enviando recursos e referencias que aínda non estean incluídos na base de datos a través da web”.