Nace unha Rede social para estudantes de Erasmus: erasmusone.com

martes, 24 de abril do 2007 Raquel Noya

Había unha vez un estudante chamado Miguel Mayher que, do mesmo xeito que outros moitos mozos europeos, marchou ó estranxeiro en virtude dunha bolsa Erasmus. Mayer pasouno ben e aprendeu a convivir con outras culturas diferentes á súa, pero botaba de menos compartir esas experiencias cos seus compañeiros, e unha vez de volta no seu país, tamén botaba en falta ós amigos que deixara atrás. Desta maneira, decidiu crear a erasmusone.com, unha web na que reuniría ós erasmus europeos; un sitio “onde a xente puidera ir e revivir a experiencia vivida”.
Dende alí, os estudantes tamén podían resolver as súas dúbidas, organizar unha festa a través da web, ter un blog, compartir fotografías, crear grupos privados de conversación e sobre todo, manter o contacto cos antigos compañeiros de facultade que ían quedando no camiño.
E non só iso, xa que erasmusone.com tamén foi moi útil para aqueles estudantes que aspiraban a unha bolsa deste tipo e non tiñan aínda clara a decisión que debían tomar, polo que acudiron a ela e contactaron con futuros compañeiros da universidade na que proseguirían os seus estudos, preguntaron sobre a cultura e o país no que estaba situada e incluso buscaron aloxamento para chegar coas tarefas feitas.
A día de hoxe, tal e como informa a EFE, Mayer segue mellorando a “lonxevidade das relacións que se establecen no estranxeiro e axudando a aquelas persoas que non saben por onde comezar para retomar o contacto cos antigos compañeiros de facultade”, grazas a esta rede social para alumnos do pasado, do presente e do futuro.

PUBLICIDADE