Nace unha nova web galega para o colectivo homosexual: galiciagay.es

venres, 15 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Co obxectivo de darlle visibilidade a un colectivo que en Galicia ten ficado durante décadas nun segundo plano, vén de ver a luz un novo espazo web de temática homosexual deseñado dende a nosa terra e para a nosa terra: www.galiciagay.es.
Entre outras cousas, este sitio conta cunha ampla guía gay de Galicia onde se poden ver tódolos locais de ambiente ou gay-friendly das principais cidades do noso territorio, así como tendas, restaurantes, cafeterías, hoteis e outros establecementos. Asemade, nesta web o internauta pode atopar información turística de interese relativa ás cidades de Lugo, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo, para que o visitante non perda de vista ningún detalle importante á hora de arribar nela por vez primeira.
Esta peculiar páxina tamén conta coas seccións de chat, fotos, novas, cine de temática, viaxes para gays, contactos, foro e unha zona hot na que se atopan contidos eróticos non válidos para menores de 18 anos.
Como novidade, galiciagay.es está a levar a cabo unha campaña de votación para escoller ó galego famoso máis guapo e xa son 550 os votos depositados na ligazón. Os seus creadores agardan maior participación e que este espazo “se converta axiña nun punto de encontro en común con tódolos gays galegos e de toda España”.

PUBLICIDADE