Nace unha web galega especializada no deseño de marcas para pequenas empresas

xoves, 6 de setembro do 2012 Raquel Noya

Se algo se pode sacar de proveito desta etapa de crise que amarga ata aos máis optimistas, é que fai aflorar a creatividade dos emprendedores e emprendedoras do país, facendo que xurdan iniciativas ás que lle hai que sacar o sombreiro, e que noutras condicións se cadra non se darían.
Unha delas é, sen ir máis lonxe, a web marcasparapymes.com, que acaba de estrearse na Rede cun servizo de asesoramento e deseño de identidade corporativa para pequenas empresas, o cal lle ofrece a oportunidade de obter unha marca con proxección no mercado, ás firmas que precisan un pequeno empurrón para saír adiante.
A plataforma, desenvolvida aquí en Galicia, concíbese como un servizo a empresas e persoas emprendedoras que carecen de ideas para crear a súa propia marca, ou aquelas que téndoas, non acaban de dar coa creatividade axeitada para convertela en logotipo de éxito.
Así, marcasparapymes.com, ofrece ata 4 tipos de asesoramento de distintos prezos e servizos, e en todos eles os profesionais comprométense a reembolsarlle aos seus clientes o 70% do importe contratado se o resultado non é satisfactorio.
E todo isto tirando partido das vantaxes de Internet, é dicir, sen desprazamentos continuos que entorpecen a actividade tanto do cliente como do profesional que o asesora, e que permite aforrar custes e pagar o prezo máis xusto.
A intención dos seus creadores é que as persoas emprendedoras ou con ideas de negocio se decidan a crear as súas proias empresas, sen que o deseño da identidade corporativa sexa un atranco, senón unha vantaxe para seren máis competitivos no mercado.

PUBLICIDADE