Nacho Armesto: “A automatización industrial non elimina postos de traballo, máis ben o contrario”
xoves, 7 de outubro do 2010
A tecnoloxía non está só aí para gabármonos perante os amigos de estar á última. Segundo nos conta o profesor Nacho Armesto dende a Universidade de Vigo, a tecnoloxía no eido industrial leva anos contribuíndo a liberar aos traballadores de ter que levar a cabo as tarefas máis desagradables e perigosas. E isto, sostén, desmentindo a lenda de que a máis sistemas robóticos e informáticos, menos oferta de man de obra. “Máis ben o contrario”, sinala, “dispor de equipos de vangarda evita a deslocalización das empresas”. Armesto, responsable das JAI (Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial), considera que o equipo humano dunha empresa, achegando tecnoloxía e máis coñecemento, ten un valor incalculable. Disto mesmo, de información e I+D, vai tratar a cuarta edición do dito evento, a desenvolver entre o 15 e 19 de novembro no Centro Social Caixanova de Vigo. Disto, e xa que estamos aínda nunha crise da que non damos albiscado o final, de todas aquelas cousas que axudan a medrar económica e industrialmente. Coñecemento neste senso non vai faltar, tendo en conta quen participa nas xornadas: 14 grandes multinacionais do sector, cinco centros tecnolóxicos de vangarda e dúas asociación profesionais.
-Para entendérmonos, que é a automatización industrial e porqué deberiamos estar ao tanto da súa evolución? A automatización industrial implicaría que o equipo humano dunha empresa pasase a un segundo plano ou, polo contrario, repercutiría nunha mellora do seu traballo?
-O termo “automatización” (cuxa orixe deriva do grego “auto”), nun contexto industrial, fai referencia á tendencia histórica de minimizar a intervención do ser humano nos procesos produtivos. O desenvolvemento da automatización ceiba ao ser humano da realización das tarefas máis monótonas, repetitivas, desagradables e perigosas que se dan nas industrias. Por este feito, non é alleo ao noso contorno máis cotián e doméstico, no que cada día tamén nos rodean máis e máis sistemas automatizados: dende o tradicional sistema automático de recheo da cisterna do inodoro até a máis sofisticadas lavadoras, lavalouzas, aspiradoras, etc.
Os países pertencentes ao primeiro mundo caracterízanse precisamente polo elevado nivel de automatización característico da súa industria. Así, as principais multinacionais desenvolvedoras de tecnoloxías e solucións para a automatización de procesos industriais naceron en países como Estados Unidos, Alemaña, Xapón, Francia ou Suecia. Todo país que aspire a non figurar non vagón de cola está condenado á busca de excelencia industrial en termos de calidade e produtividade, e isto está ligado dun xeito que non pode eludir, á aplicación dos máis avanzados estándares de automatización nas súas industrias.
Con respecto á última pregunta, existe a lenda urbana de que estes procesos arredor dos que xiran as nosas xornadas eliminan postos de traballo. Porén, o que acontece é xusto o contrario. Eu diría máis ben que, por concretar, se na planta que o grupo PSA Peugeot Citroën ten en Vigo non se aplicaran os máis sofisticados estándares destes métodos de traballo industrial (e cómpre indicar que hoxe en día conta con máis de un milleiro de robots e autómata ao longo de todo o proceso de fabricación), sen dúbida algunha esta planta tería sido deslocalizada do noso país. Se o valor engadido radicase só no traballo directo do ser humano sobre o produto, hai xa moitos anos que o noso nivel de vida non sería competitivo fronte a outros países subdesenvolvidos (e non sería preciso pensar en Oriente, mesmo no leste de Europa seríamos quen de atopar fortes competidores).
O persoal das empresas do primeiro mundo xa pasou, hoxe en día, a un segundo plano? Pois todo o contrario, é realmente máis estratéxica ca nunca. Reemprazar a un traballador que aperta parafusos de xeito repetitivo nun proceso produtivo tradicional non é en absoluto complexo. Porén, o valor dun equipo humano que leva a cabo labores máis tecnolóxicos e atesoura un elevado coñecemento (o chamado know-how) do dito proceso produtivo é case incalculable.
-Nunhas xornadas coma estas, onde se amosan procesos de gran complexidade técnica, hai sitio para cuestións máis humanas? Dito doutro xeito: as JAI só tratan o estritamente técnico ou tamén se centran nos beneficios para as persoas que eses procesos achegan?
-Neste caso, a miña resposta xa vai implícita na miña última resposta. Se a importancia do factor humano se fai cada vez máis salientable, é natural que co paso do tempo se vaian dedicando máis recursos á xestión co capital humano. Valores individuais como a intelixencia emocional, a nosa capacidade para sermos líderes, o traballo en grupo, a excelencia... son procurados tanto, senón máis, coma os propios coñecementos que se atesouran. Dende a primeira edición das JAI, en abril de 2004), os profesionais que participaron (na súa gran maioría persoal cun perfil principalmente práctico) fixeron un gran fincapé na relevancia dos valores humanos para o éxito profesional... e persoal.
-Que acontece coa crise? Tamén lle afecta ao sector industrial, do que xorden as JAI, ou é que os sectores que máis se ven envoltos son precisamente os que non teñen nada que ver coa innovación?
-Unha crise coma a que estamos a vivir aféctalle, sen dúbida, á industria de tódolos sectores e países. Como é natural, onde xa non hai moito pouco máis se pode quitar, pero as recuperacións sempre abrollan onde os países máis avanzados (de feito, o indicador clásico par recoñecer a saída dun período de crise é a recuperación das grandes potencias). Poderiamos identificar, porén, un problema innato aos efectos dun parón produtivo nas industrias do primeiro mundo. Evidentemente, o valor dos investimentos que se inmobilizan perante unha crise é de maneira salientable superior ao dos medios produtivos de industrias menos evolucionadas. Este feito pode constituír un factor de risco para os primeiros e de oportunidades para estas últimas.
-Cal é a clave para reunir nuns encontros a tantos e tan recoñecidos profesionais e investigadores internacionais do ámbito da tecnoloxía e a automatización industrial? Como se fai para pechar un programa de tantas páxinas e manter o apoio das empresas ao longo dos anos?
-Pois a min véñenme á cabeza unhas cantas palabras: ilusión, paixón e teimosía. O máis importante é ter unha visión, un soño, despois, de xeito permanente, tirar proveito de cada ocasión unha a unha para transmitir esa ilusión. E, por último, gozar con paixón da viaxe, do proceso de ir creando á “criatura”. A verdade é que, visto con perspectiva, é até divertido comprobar a onde chegamos finalmente. Por suposto, a viaxe non foi doada, e temos vivido intres moi enleados, nos que foi preciso xestionar aspectos non tan agradables do proceso, polos que foi preciso cruzar para poder seguir perseguindo a nosa meta.
Outra palabra clave a este respecto é “neutralidade”, e tamén a ausencia de vetos. A figura neutra que a Universidade pode xogar neste tipo de manifestacións é clave para que devagar as firmas gañen confianza no evento e entendan que JAI é un espazo onde todos os que son, e o desexen, poden estar. E oxalá que co paso do tempo estean todos os que son. Esta é a miña visión de JAI: crear un foro, un verdadeiro punto de encontro para os profesionais, docentes, investigadores e alumnos aos que lles guste este tema da automatización industrial, en tódolos seus sabores e cores.
O máis bonito de todo isto é comprobar cómo co tempo o proxecto vai collendo corpo e cada vez adquire meirande valor e poder de convocatoria. E é que estamos a falar dun evento no que participan 14 grandes firmas do sector, cinco centros tecnolóxicos, dúas asociación profesionais e unha pléiade de colaboradores e (por desgraza menos) patrocinadores. A todos eles, pero en especial ás compañías do sector, quero amosarlles o meu máis fondo agradecemento, porque a fin de contas son os verdadeiros protagonistas de todo isto.
-Que poden sacar en claro os estudantes que acudan ás xornadas? Que poden sacar os profesionais?
-Pois se mo permitides, e xa que temos os deberes feitos, paso a enumerar algúns obxectivos para estes colectivos:
· Difundir conceptos técnicos innovadores ligados ao mundo real da automatización de procesos industriais.
· Ofrecer unha visión xeral sobre as necesidades e tendencias da industria nos seus diferentes eidos.
· Poñer ao día os coñecementos tecnolóxicos relativos á enxeñaría aplicada nos sectores analizados.
· Presentar os estándares comerciais “de facto” do mercado actual da automatización industrial.
· Coñecer a face humana da tecnoloxía, escoitando a opinión de profesionais e máis de investigadores de diferentes sectores sobre a evolución da enxeñaría e das capacidades que máis se valoran no mundo laboral.
· Descubrir o perfil humano e profesional desexado polas compañías para os seus postos de enxeñaría en xeral e automatización de procesos en particular.
· Coñecer a importancia da innovación, a capacidade de sermos líderes e máis o espírito de emprendemento como mecanismo de dinamización económica das rexións, países, nacións ou comunidades económicas.
· Motivar ao asistente con novos puntos de vista que contribúan a poñelo máis preto da realidade profesional do contorno industrial a nivel internacional.
-Que nos pode destacar do programa? Que é aquilo ao que baixo ningunha circunstancia deberiamos deixar de acudir?
-Pois en primeiro lugar o acto de apertura paréceme un intre salientable destas xornadas. Para esta edición contamos coa participación dun centro de excelencia en investigación (o Centro de Automatización e Robótica do CSIC), unha empresa galega (Castrosúa) que vén de fabricar o primeiro autobús híbrido do mercado español e máis un centro de produción de recoñecido prestixio, o centro de produción vigués de PSA Peugeot-Citroën. Trátase dun acto aberto ao público en xeral porque, lonxe de entrar en detalles tecnolóxicos de máis, preténdese que cada relator desenvolva unha rápida pincelada sobre a evolución tecnolóxica que se vén de producir no seu sector ao longo destes anos.
A un nivel máis profesional, tamén salientaría a sesión internacional do xoves pola tarde, na que tódolos relatores son estranxeiros. Contamos coa participación do equipo directivo de dúas asociacións que velan pola continuidade de dous estándares moi coñecidos no sector (IEC 61131-3 e OPC), unha universidade alemá (unha “pica en Flandes”, pois o lóxico sería ao revés) e unha empresa que trae ao noso evento ao creador da tecnoloxía pola que esta compañía está a apostar nos últimos anos. Todo un luxo e sinal de que o evento xa acadou un calado que transcende incluso do nivel nacional.
E como remate, non quixera deixar de lembrarlles a todos os lectores que, como así ten sido dende o comezo, o evento poderá seguirse en directo (canle 1) e máis en diferido a través de Internet e grazas á televisión da Universidade de Vigo.