Nail Clue, o primeiro programa das unllas en galego, chega a AGalega.gal

xoves, 5 de xuño do 2025 S. P.

Xa está dispoñible a tempada completa dun dos programas máis innovadores da grella recente da Televisión de Galicia: Nail Clue na súa plataforma de contidos en streaming. Nuria Vil presenta en A Galega este formato de reality-concurso con tres artistas manicuristas e unha personalidade recoñecida do país que irá deixando pistas da súa identidade ao longo do concurso.
As artistas manicuristas compiten entre si cun mesmo obxectivo, no mesmo espazo e ao mesmo tempo: elaborar en 5 horas o deseño de unllas postizas que mellor encaixe coa personalidade dun cliente. O desafío? Que non saben quen é.
Este novo formato, creado e dirixido por Eire Cid e producido por Brava, conta con catro entregas xa dispoñibles na plataforma AGalega.gal. Segundo explican dende a produtora, “os vídeos promocionais do formato veñen de revolucionar Galicia en poucas horas conseguindo miles de visualizacións nos seus reels e unha acollida boa por parte do público”.
A produtora emerxente Brava, liderada por Cristela Torres e Bea Villar, traballa xa con Cid na súa primeira longametraxe, Os reis imaxinarios, cunha axuda ao desenvolvemento da AGADIC e que, tras pasar polo Conecta Lab de CREA, actualmente participa na Incubadora de proxectos da Escola TAI de Madrid e estará na residencia de longametraxes de Navarra LRN este mes de xuño.