Naomi Diz Rosales (CITIC) recibe o premio de Mozos Investigadores do XVI Congreso Galego de Estatística

martes, 31 de outubro do 2023 S. P.

Do 26 ao 28 de outubro levouse a cabo na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da UDC o XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións (SGAPEIO), do cal o CITIC foi patrocinador. O evento tivo por obxectivo “contribuír á divulgación dos avances na teoría, aplicacións e didáctica da estatística e da investigación en operacións”. O programa incluíu conferencias, mesas redondas, o obradoiros e comunicacións, así como visitas guiadas. Este ano, o premio na modalidade aplicada de Mozos Investigadores do congreso foi entregado á doutoranda do CITIC Naomi Diz Rosales.
O galardón veu dado polo traballo Predicting intensive care unit bed occupancy under random regression coefficient Poisson models: Application to the COVID-19 pandemic in Galicia, do cal tamén son autores María José Lombardía, membro do CITIC, e Domingo Morais da Universidade Miguel Hernández (UMH).
A investigación, que forma parte da tese doutoral de Naomi Diz, ten a súa orixe no contexto da pandemia de COVID-19, destacando as súas consecuencias de gran alcance como o colapso das unidades de coidados intensivos (UCIs). Ante esta premisa, a investigación presenta unha innovadora técnica de estimación en áreas pequenas baseada na definición de modelos lineais mixtos xeneralizados con pendente aleatoria. A metodoloxía desenvolvida aplicouse con éxito na estimación e predición, con ata sete días de antelación, da ocupación na UCI nas sete áreas sanitarias de Galicia (entre o 02/11/2020 e o 06/03/2022) demostrando a súa flexibilidade para adaptarse a todo tipo de períodos epidémicos e variantes. Estes resultados subliñan o seu potencial para ser aplicada con éxito noutros contextos epidémicos.

PUBLICIDADE