Narón achega en setembro novas accións de capacitación TIC na Aula CeMIT de Xuvia

venres, 19 de agosto do 2022 S. P.

A Aula CeMIT de Xuvia (Narón) acollerá a partir da vindeira semana dúas novas accións formativas para as que se abrirá o prazo de inscrición o luns día 22 de agosto. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, indicou que se trata dos cursos de Competencias dixitais en ofimática e Contabilidade e Recursos Humanos. As inscricións para ditas accións formativas realizaranse, unha vez aberto o prazo, a través da Plataforma CeMIT da Xunta de Galicia.
A acción formativa de Competencias dixitais en ofimática consta dun total de 240 horas, que se impartirán do 5 de setembro ao 30 de novembro, con 60 días lectivos, en quenda de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Ofértanse un total de 12 prazas e entre o contido a abordar están temas como os sistemas operativos, Internet, intranet e correo electrónico, aplicacións informáticas de procesamento de texto, base de datos, para presentacións e de folla de cálculo.
Pola súa banda, o curso de Contabilidade e RRHH consta tamén de doce prazas e terá unha duración total de 168 horas, que se impartirán dende o 29 de setembro, ata o 30 de novembro, con 42 días lectivos, en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. O contido do curso no apartado de xestión de recursos humanos tratará sobre definición do posto de traballo, definición de perfís laborais, competencias e formación, normativa laboral, Seguridade Social e cotizacións, liquidación do recibo de salarios, liquidación de cotizacións e aplicacións informáticas de xestión de RRHH. O contido do apartado de Contabilidade tratará sobre documentos administrativos de compravenda, facturación, sistemas de información contábel ou aplicacións informáticas de contabilidade e facturación.

PUBLICIDADE