Narón activa unha nova edición do seu programa de informática divertida e segura para a rapazada

luns, 15 de xuño do 2026 S. P.

O Concello de Narón lanza un verán máis o programa municipal educativo INDI, siglas de Informática Divertida. Trátase dunha iniciativa pensada para que os nenos e nenas de entre 8 e 12 anos se acheguen ao mundo dixital de forma lúdica e creativa durante o mes de xullo, segundo explicou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Román Romero.
O edil subliñou o enfoque práctico e creativo da iniciativa: "Non se trata só de aprender informática, senón de que os rapaces descubran que coa tecnoloxía poden crear, inventar e traballar en equipo". Baixo o formato de obradoiro matinal, de 10.00 a 13.30 horas, os participantes aprenderán a crear avatares e personaxes dixitais, a deseñar carteis e historias con ferramentas creativas, a facer cómics e pequenas animacións, e a resolver retos e xogos de pensamento lóxico.
O programa incorpora tamén un scape room tecnolóxico, iniciación á mecanografía, creación dun videoxogo sinxelo con bloques, nocións de seguridade en Internet, experimentación con robótica e simuladores educativos, e a elaboración dun proxecto final en equipo.
O programa impartirase tanto na Aula CeMIT de Narón como nos sete locais sociais do municipio —San Xiao, Sedes, Pedroso, San Mateo, Castro, O Val e Doso—, con idéntico horario e contido en todos eles.
A Aula CeMIT oferta 15 prazas, mentres que cada local social disporá de 10.
Para participar nas sesións da CeMIT, as persoas interesadas deben presentar a súa solicitude a través do Rexistro do Concello de Narón ou da sede electrónica (con instancias dispoñibles xa no apartado de actividades). O prazo de inscrición abre este próximo luns, 15 de xuño, ás 8.30 horas, e pecha o 22 de xuño ás 13.00 horas. Para os locais sociais, as persoas interesadas deben dirixirse directamente a cada entidade. Máis información no teléfono 981-337700, extensión 1502.