Narón recibiu 122.500 euros para o seu proxecto de eAdministración

luns, 12 de xuño do 2017 Redacción

O Concello de Narón vén de acadar 122.512 euros dos Fondos FEDER para co-financiar a súa iniciativa de Administración Electrónica. Falamos do proxecto Automatización do procedemento administrativo e achegamento da administración local ao cidadán, deseñado polo departamento de Novas Tecnoloxías. A edil responsábel da área no Concello, Natalia Hermida, sinalou a semana pasada que o orzamento inicial ascendía a 252.853 euros, validándose a través do Goberno central un total de 174.823 euros como cantidade subvencionábel. En base a isto, ao Concello só lle resta facerse co 5% restante, que se espera acadar o ano vindeiro.
O proxecto, explicou a concelleira, inclúe os seguintes apartados: deseño de procedementos, ferramentas de eAdministración (portal web corporativo de servizo de información e atención cidadá con rexistro telemático, plataforma de sinatura electrónica...), software de xestión de expedientes e adquisición de material (escáners, lectores do DNI dixital, licencias, compoñentes, servidores).
Tamén se dá cabida a un convenio coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre para o fornecemento dos servizos técnicos, administrativos e de seguridade necesarios para a validez e eficacia da emisión e recepción de comunicacións e documentos producidos a través de técnicas e medios EIT.
A devandita achega europea súmase aos 80.000 euros concedidos ao Concello no ano 2008 polo Goberno central, unha cantidade que chegou ás arcas locais no momento en que o Consistorio iniciou o seu Plan de Modernización para a eAdministración.
Natalia Hermida felicitou ao persoal funcionario “polo traballo realizado na xestión das subvencións e a prol do desenvolvemento propio da Administración Electrónica no que estamos inmersos traballando día a día, incorporando novas funcionalidades”. A edil tamén lembrou que anos 2015, 2016 e 2017 incorporáronse once novos módulos dixitais no Concello, o que supón un investimento total duns 44.000 euros.

PUBLICIDADE