Naruto Shippuden: Ultimate Ninja Storm 3 terá versión para PC

venres, 5 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da Japan Expo en París, Namco Bandai anunciou que o xogo Naruto Shippuden_ Ultimate Ninja Storm 3 de desenvolvido por CyberConnect2 inicialmente para Xbox 360 e PlayStation 3, vai recibir unha actualización no inverno con novas misións, gráficos mellorados, un novo personaxe xogable e, sorprendentemente, unha versión para PC.
Este xogo xa resultaba notable pola enorme cantidade de personaxes que ofrecía e algúns novos modos de xogo, seguindo a liña que á franquía de Naruto levaba dando CyberConnect2 nos seus xogos (conseguindo un acabado moi semellante á serie de animación na que se inspira), pero a actualización ofrecerá un cento de novas misións para manter aos xogadores ocupados, así como os 38 traxes descargables que foron preparando para o xogo.
Resulta especialmente sorprendente a conversión do xogo ao PC, pois este tipo de títulos non é moi habitual en ordenadores persoais, dando a impresión de que o PC estase a converter cada día máis nunha plataforma de xogo de maior peso (como demostrou a última edición do E3, na que moitos dos xogos dos que presumían tanto Sony como Microsoft nas súas versións para consolas de nova xeración amén estarían presentes para equipos informáticos).

O completo catálogo de personaxes é un dos elementos que máis destacou deste xogo

PUBLICIDADE