Nas tendas de Apple venden en exclusiva curiosos cargadores sen fíos

luns, 17 de marzo do 2025 Marcus Fernández

En 2017 Apple presentou unha base de carga revolucionaria, a AirPower, que resultou non ser viable fisicamente, polo que en 2019 tiveron que recoñecer publicamente que cancelaban o lanzamento do produto. Dende aquela Apple deu moita visibilidade aos seus cargadores sobremesa, e deixou estes produtos a fabricantes de confianza, que ousan a deseños atrevidos, como a neerlandesa Zens, que está a vender en exclusiva a través da Apple Store un par de cargadores sen fíos bastante curiosos.
Por unha banda temos un cargador sen fíos Quattro Pro 4 de Zens, que busca ser unha solución para toda a familia ao permitir cargar até catro dispositivos á vez, reducindo os cables en casa. Falamos dun cargador con 4 saídas sen fíos de 15 watts, con certificación Qi2 e compatible con MagSafe, que sorprende polo seu deseño en 2 andares, e que podemos mercar por 179,95 euros.
Pola súa banda, o cargador sen fíos 4-en-1 de Zens, destaca por estar deseñado para poder cargar dispositivos diferentes, xa que, aparte de poder cargar até 4 dispositivos sen fíos a 15 watts cada un, ten unha disposición para poder colocar na base de carga un Apple watch, un iPhone, un estoxo de AirPods (ou calquera outro produto que soporte carga sen fíos) e un iPad. Deste xeito, quen viva completamente dentro do ecosistema de Apple ten unha solución para minimizar o espazo que ocupan os seus dispositivos durante a carga. Na páxina web de Apple semella que teñen mal a ficha cando escribimos estas liñas, pois está mesturada co modelo que mencionamos antes, tanto en descrición como en prezo, cando o seu prezo de venda debería ser de 159,99 euros (que é o prezo fixado polo fabricante).