Nativos R chega esta semana a Verín

luns, 19 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Pode unha persoa que non naceu na cerna da revolución tecnoloxico-dixital que estamos a vivir ser tan destra coas novas ferramentas coma unha persoa que si que naceu e medrou entre Internet, redes sociais e móbiles intelixentes? A resposta, segundo a operadora R, é a todas luces positiva. E para demostralo (e impulsar as capacidades de xente non familiarizada coas TIC), está a desenvolver pola nosa terra unha xira de actividades chamadas Nativos R. A vindeira cita será en Verín, este 22 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de actos da Casa da Cultura (rúa Irmáns la Salle s/n).
Segundo explica a compañía de telecomunicacións galega, Nativos R encamíñase a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente.
As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda, logo do seu paso pola XGN de Silleda, Cee, O Carballiño e (agora) Verín.
Segundo explica a operadora galega con máis detalle, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.
Para asistir á charla de nativos R en Verín cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller dende o pasado día 13 e ata o mesmo 22 de novembro na tenda R da localidade ourensá (rúa Deputación, 25).
As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

PUBLICIDADE