Naturgy convértenos en expertos en sustentabilidade a través dos seus programas educativos online

venres, 3 de abril do 2020 Sonia Pena

A Fundación Naturgy, co obxectivo de seguir achegando recursos para mellorar a oferta de lecer e de formación das familias en tempos de confinamento polo COVID-19, está a ofrecer en liña os seus programas educativos para aprender en familia sobre enerxía, eficiencia e sustentabilidade. Trátase dun material de balde que, en palabras da operadora eléctrica, “permite un amplo abano de opcións para que escolares e adultos poidan xogar, facer experimentos ou aprender de divulgadores científicos como Luis Quevedo ou Dani Jiménez”.
Os programas Efigy Education ofrécense na web da fundación. Son os complementos dixitais do programa itinerante do mesmo nome, que tivo que ser suspendido por mor do Decreto do Estado de Alarma e as medidas para conter o espallamento da pandemia de COVID-19. A versión dixital destes contidos inclúe material desenvolvido por expertos sobre temáticas como a transición enerxética, a economía circular, a sustentabilidade, a edificación eficiente, a eficiencia enerxética, a calidade do aire e as novas tecnoloxías enerxéticas, entre outros. A oferta inclúe contidos interactivos, “para aprender dunha forma amena con aplicativos en liña, vídeos de divulgadores científicos, e recursos descargábeis con actividades para realizar en casa”.
En termos máis concretos, por medio deste material a rapazada pode facer cousas como construír unha vivenda ou unha escola sustentábel, facer unha rehabilitación con criterios de eficiencia enerxética, analizar com aforrar enerxía no fogar ou coñecer o impacto das tecnoloxías de produción de enerxía.

PUBLICIDADE