Naturgy investirá en dixitalización 545 millóns de euros en Galicia até 2025

venres, 27 de maio do 2022 S. P.

Naturgy, a través da súa distribuidora eléctrica UFD, vai investir 545 millóns de euros até 2025 en Galicia para dixitalizar a rede de seu, reforzar as súas infraestruturas e elevar a súa calidade de subministro na nosa terra. Segundo fixo saber a compañía, os investimentos previstos destinaranse sobre todo á innovación e á aplicación de novas tecnoloxías, a avanzar na telemedida, na telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol e na sensórica, e tamén a fortalecer as infraestruturas. O obxectivo final das actuacións previstas é “optimizar o servizo aos clientes e integrar na rede eléctrica o incremento da xeración renovábel”.
A empresa sinalou tamén que só en 2022, a compañía achegará 135 millóns de euros en proxectos de supervisión avanzada en baixa tensión, actuacións en media e alta tensión, ciberseguridade e xestión avanzada de activos, entre outros eidos de actividade.
“Os investimentos realizados en sensórica e dixitalización das nosas infraestruturas”, engadiu Naturgy, “permitirannos seguir incrementando a calidade da subministración eléctrica en Galicia, que actualmente xa supera nun 8% a media de calidade en España”.
O director xeral de Xestión da Enerxía e Redes de Naturgy, Pedro Larrea, indicou que “este gran esforzo investidor previsto para tecnificar e dixitalizar as nosas redes contribuirá de maneira decisiva aos obxectivos da transición enerxética, xa que permitirá seguir integrando o constante incremento de xeración renovábel, autoconsumo e xeración distribuída, co compromiso de garantir o servizo en condicións de eficiencia, seguridade e calidade”.
Entre outras actuacións de mellora das súas instalacións, UFD ten previsto construír un novo parque na subestación de Triacastela (Lugo); renovar a subestación de San Cibrao das Viñas (Ourense); e soterrar diversas liñas eléctricas aéreas nos arredores da subestación de Carballo (Coruña), conectándoas cun novo parque que construirá na devandita subestación.
Tamén construirá un novo parque e un novo transformador na subestación de Lalín (Pontevedra), e instalará unha nova liña de alta tensión, cun treito soterrado, entre a devandita subestación e a de Irixo, en Ourense, unha actuación que lle permitirá dispor de dobre alimentación por alta tensión na subestación de Lalín, garantindo a calidade e seguridade da subministración na zona.

PUBLICIDADE